Baixa un 8,7% a delincuencia no concello de Foz

Baixa un 8,7% a delincuencia no concello de Foz

21/03/2019


A Xunta Local de Seguridade analizou hoxe a situación da seguridade cidadá neste concello

Os delictos graves e menos graves descenderon un 10,71%, en 2018 rexistráronse 100


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Foz, Javier Castiñeira, copresidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade deste municipio, que se reuniu para analizar a situación da seguridade cidadá e estudar a marcha dos Plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade. A xuntanza celebrouse esta maña na Casa do Concello e contou coa participación, tamén, de representantes da Garda Civil e o Subsector de Tráfico, da Policía Autonómica e da Policía Local.

Na reunión, a subdelegada do Goberno deu conta dos datos oficiais da Garda Civil, que reflicten un descenso da delincuencia no ano 2018 do 8,7% en Foz con respecto ao ano anterior. As infraccións penais denunciadas foron 210, mentres que no ano 2017 foran 230.

O número de delictos graves e menos graves baixou un 10,71%, xa que pasaron de 112 a 100. E os delictos leves experimentaron un descenso do 6,68% ao pasar de 118 a 110. Tocante á violencia de xénero, no ano 2018 rexistráronse 10 denuncias, mentres que o ano anterior foran 11.

Os delictos contra o patrimonio diminuiron un 7,81%, pois pasaron de 64 a 59, e os delictos contra a seguridade colectiva, que inclúen os de seguridade vial ou saúde pública, descenderon un 5,26%, ao baixar de 19 a 18.

En canto ao grao de esclarecemento dos delictos de maior consideración, foi do 57%, pois resolvéronse 57 dos 100 coñecidos. A Garda Civil detivo en Foz a 25 persoas, en 2018, pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delictos.

SEGURIDADE ESCOLAR

A Xunta Local de Seguridade de Foz tamén tratou da marcha do Plan Director para a Convivencia e mellora da seguridade escolar nos Centros educativos do concello de Foz. Dentro deste Plan, neste curso académico están programadas 11 charlas, das que xa se impartiron 6 –sobre acoso escolar, o uso das novas tecnoloxías e consumo de alcohol e drogas- e hai outras 5 previstas –de acoso escolar, novas tecnoloxías e prevención de incendios forestais- ata final de curso no CPR Plurilingüe Nosa Señora do Pilar, o IES de Foz e o CEIP O Cantel.