Diminúe case un 20% a delincuencia no concello da Fonsagrada

Diminúe case un 20% a delincuencia no concello da Fonsagrada

13/03/2019


A Xunta Local de Seguridade, que presidiron a subdelegada do Goberno e o alcalde, analizaron a situación da seguridade cidadá neste concello

Tamén se tratou dos plans de Seguridade Xacobea e dos centros escolares


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, copresidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade deste municipio, que se reuniu para analizar a situación da seguridade cidadá e estudar a marcha dos Plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade. A xuntanza celebrouse esta maña na Casa do Concello e contou coa participación, tamén, de representantes da Garda Civil e o Subsector de Tráfico, da Policía Autonómica e da Policía Local.

A subdelegada do Goberno deu conta dos datos oficiais da Garda Civil, que reflicten un descenso da delincuencia no ano 2018 do 19,72% na Fonsagrada con respecto ao ano anterior. As infraccións penais denunciadas foron 57, mentres que no ano 2017 foran 71.

O número de delictos graves e menos graves baixou un 11,54%, xa que pasaron de 26 a 23. E os delictos leves experimentaron un descenso do 24,44 ao pasar de 45 a 34. Tocante á violencia de xénero, no ano 2018 rexistrouse 1 denuncia, mentres que o ano anterior foran 4.

En canto ao grao de esclarecemento dos delictos de maior consideración, foi do 73,91%, pois resolvéronse 17 dos 23 coñecidos. Isto supon un aumento de 12,38 puntos porcentuais respecto do ano anterior, cando se resolveran 16 dos 26 coñecidos, o que representa o 61,53%. Ademais, en 2018, a Garda Civil detivo a 4 persoas pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delictos.

A Xunta Local de Seguridade da Fonsagrada tamén tratou sobre os Plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade. Así, falouse do Plan de Seguridade Xacobea 2019, recentemente aprobado pola Garda Civil, que ten por obxecto proporcionar atención e seguridade aos peregrinos, ademais de vixiar e protexer os bens que integran o Patrimonio Histórico e cultural.

Repasouse, ademais, a marcha do Plan Director para a Convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos do concello da Fonsagrada. Dentro deste Plan, no que vai deste curso académico impartiuse 1 charla sobre drogas e alcohol a estudantes do IES Plurilingüe Fontem Albei.