A Policía de Viveiro colaborará coas Forzas de Seguridade do Estado na protección das vítimas de violencia de xénero

A Policía de Viveiro colaborará coas Forzas de Seguridade do Estado na protección das vítimas de violencia de xénero

04/04/2019


A subdelegada do Goberno en Lugo e a alcaldesa de Viveiro presidiron a Xunta Local de Seguridade na que se aprobou o Protocolo de cooperación para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero

O acordo polo que a Policía Local de Viveiro asume participar na protección das vítimas é froito dun proceso que comezou no mes de outubro


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asinaron hoxe o Protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e o Corpo da Policía Local para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero. O acordo foi aprobado nunha sesión extraordinaria que celebrou esta mañá a Xunta Local de Seguridade de Viveiro.

A subdelegada do Goberno explicou que “o acordo de cooperación da Policía Local de Viveiro coas Forzas e Corpos de Seguridade de Estado para dar protección ás vítimas da violencia de xénero é consecuencia do proceso de colaboración co Concello de Viveiro que se puxemos en marcha meses atrás”.  Así, lembrou que “nun primeiro momento constituise, o pasado mes de outubro, a Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero e posteriormente, no mes de febreiro, acordouse a adhesión de Viveiro a este Protocolo”.

Pola súa parte, a alcaldesa destacou que “como acaban de expoñer as Forzas de Seguridade, a nosa disponibilidade debe ser máxima, considero que todos os responsables públicos temos que cooperar na loita para eliminar esta lacra dunha vez”.

Na sesión, que tivo lugar na Casa do Concello de Viveiro, tamén participaron a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da subdelegación do Goberno, así como responsables da Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Local e a Policía Autonómica.

DATOS VIOLENCIA DE XÉNERO

No sistema de Seguemento Integral (VIOGEN), o número total de casos activos de mulleres con domicilio en Viveiro aos que realiza seguemento a Policía Nacional é de 16, dos que 2 están considerados de risco medio, 4 baixo e os 10 restantes de risco non apreciado.

O número de denuncias por malos tratos presentadas neste municipio no 2018 foi de 26. No que levamos de 2019 presentáronse 3 denuncias por malos tratos no concello de Viveiro.