A Delegación do Goberno informa da concesión a Galicia de 494.000 euros procedentes do narcotráfico para a prevención e atención a drogodependentes
15/10/2019
Financiarán ata fin de 2019 diversos programas relacionados coa prevención do consumo de drogas nos espazos de ocio nocturno e o seguemento de dependentes excarcerados e prevención do suicidio, entre outros
Súmanse ás transferencias con cargo aos orzamentos aprobadas na Conferencia Sectorial de Drogas (578.268 euros)
A Delegación do Goberno en Galicia informa da concesión á Comunidade Autónoma de Galicia de 494.000 euros dos fondos procedentes do comisos de narcotráfico para programas relacionados coa prevención do consumo de drogas e atención a drogodependentes.
O Boletín Oficial do Estado publicou o convenio asinado pola Delegación do Goberno do Plan Nacional sobre Drogas (Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social) e a Xunta de Galicia en materia de drogodependencias e con cargo a este fondo.
En concreto, este importe financiará ata fin de ano diversos programas relacionados coa prevención do consumo de alcol e outras drogas en contextos de lecer nocturno e de botellón; atención a drogodependentes en situación de emerxencia social; seguimento e atención de persoas en tratamento unha vez excarceradas (Programa ITINERE); incorporación sociolaboral do paciente con trastornos adictivos e prevención de suicidio en pacientes con adiccións, entre outros.
COLABORACIÓN ESTADO-AUTONOMÍAS
O Plan Nacional sobre Drogas coordina e desenvolve, contando coa participación das distintas Administracións Públicas, das institucións sociais e dos cidadáns en xeral, accións encamiñadas a abordar os problemas derivados do tráfico e consumo de drogas, así como doutras adiccións ao obxecto de reducir a incidencia dos mesmos na sociedade e en relación con outros trastornos adictivos.
A colaboración coas Comunidades Autónomas e con resto de Administracións é un dos piares da súa actividade. Un dos aspectos desta colaboración é a transferencia de fondos ás autonomías para o desenvolvemento de programas. A transferencias materialízanse en dúas liñas:
Con cargo aos orzamentos xerais e previa aprobación da Conferencia Sectorial do Plan Nacional sobre Drogas e do Consello de Ministros. Con estas achegas apóianse as actuacións relacionadas cos programas autonómicos derivados do Plan Nacional; programas de prevención de drogas e outras adiccións; a achega de información ao Observatorio Español das Drogas e as Adiccións e os programas de rehabilitación-reinserción de toxicómanos con problemas xurídico-penais. Neste concepto Galicia recibe este ano 578.268,19 euros.
Coa distribución de créditos do Fondo de bens comisados por tráfico ilícito de drogas e outros delitos relacionados. Con estos fondos, que se reparten segundo criterios aprobados polo Consello de Miunistros, fináncianse programas propostos polas Comunidades Autónomas mediante a subscrición de senllos convenios de colaboración con cada unha delas.
BENS COMISADOS POR DELITOS DE NARCOTRÁFICO
O Fondo de Bens Comisados, regulado pola Lei 17/2003, do 29 de maio, está integrado polos bens, efectos e instrumentos comisados por sentenza firme en procesos por narcotráfico e outros delitos relacionados.
O produto destes bens está destinado a intensificar as actuacións de prevención, investigación, persecución e represión estes delitos, prevención de toxicomanías, asistencia e inserción social e laboral de drogodependentes e cooperación internacional na materia, sendo beneficiarios das cantidades integrantes do Fondo as Comunidades Autónomas, Corporacións Locais, Organizacións non gobernamentais ou entidades privadas sen ánimo de lucro, entre outros.