A subdelegada de Goberno en Pontevedra supervisa o desenvolvemento dun simulacro de protección da costa na praia de As Sinas, en Vilanova de Arousa

A subdelegada de Goberno en Pontevedra supervisa o desenvolvemento dun simulacro de protección da costa na  praia de As Sinas, en Vilanova de Arousa

06/06/2019

Aproveitando a ocasión, Maica Larriba quixo lembrar a importancia das nosas augas mariñas e as nosas costas a poucas datas de celebrar o Día Internacional do Océanos


A subdelegada do Goberno en Pontevedra,  Maica  Larriba, acompañada da subdirectora de Protección da Costa do Ministerio de Transición Ecolóxica, Itziar Martín, asistiu durante esta mañá ao simulacro de vertedura ao mar de hidrocarburos, dentro do Plan Ribeira coordinado pola  dirección xeral de Sustentabilidade da Costa.

Neste exercicio simulouse un episodio de contaminación a partir dun derrame de fuel- oil  IFO 380 (fuel medio) dun dos tanques de combustible dun ficticio mercante que saía do porto de Vilagarcía, debido a unha colisión entre este e un frigorífico con túnidos conxelados , en dirección ao Porto da Pobra  do  Caramiñal para a súa descarga.

Tal como comentou  Maica  Larriba, “o Plan Territorial de  continxencias por contaminación mariña da Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu nivel de emerxencia 2 , a solicitude para mobilizar os medios do Plan Estatal de Protección da Ribeira, integrándose así ao plan territorial”. Desta maneira, mobilízanse os medios de resposta rápida do propio ministerio, sendo neste caso os máis próximos, os situados na base de almacenamento do Ministerio de Transición Ecolóxica en Caldas. Concretamente, explicou que “o exercicio incluíu accións de contención mediante a instalación de barreiras na zona afectada e a consecuente protección de áreas próximas sensibles, xunto á recuperación do  material contaminante mediante material  absorbente e recollida manual”.

A subdelegada de Goberno quixo aproveitar a ocasión para lembrar a importancia deste tipo de medidas precisamente en Galicia, “onde temos tristes experiencias de contaminación mariña. E non soamente o accidente do Prestige senón outros con graves perigos cara ás nosas costas como o  Polycomander, na ría de Vigo, o “Urquiola  ou “Mar Exeo”, tan tristemente lembrados na Coruña, ou o “ Casón” na praia de O Rostro en Fisterra. Destes terribles sucesos puidemos aprender para dar a resposta máis eficaz nestas situacións, e iso é o que se está a conseguir co Plan Ribeira”.

Pola súa parte, Itzar Martín, recordou que esta Plan Ribeira contempla cinco bases distribuídas nas costas españolas con medios de contención de hidrocarburos e que tratábase da edición número 12 deste tipo de simulacros.

Finalmente, Larriba,  quixo lembrar que” tal como onte celebrabamos o Día Mundial do Medio Ambiente, este próximo sábado Nacións Unidas convídanos a concienciarnos sobre a protección cada vez máis necesaria dos nosos mares e océanos. Precisamente, no transporte de hidrocarburos que contén un risco implícito de contaminación, avanzouse moito con mellores garantías de seguridade”.  En relación a isto, a subdelegada de goberno quixo apelar tamén á nosa responsabilidade directa en canto ao uso indiscriminado dos plásticos. Segundo Nacións Unidas, actualmente tres millóns de toneladas de plástico fíltranse ás augas mariñas de todo o mundo. Isto, provoca directamente a morte de máis de 100.000 especies mariñas cada ano. Con estas cifras, a ONU alerta que en 2050 podería haber máis plásticos que peixes.