A Xunta Local de Seguridade do Concello de Verín acorda a incorporación da Policía Local ao sistema Viogen de seguimento de vítimas de violencia machista

Imaxe da reunión

26/09/2019


Tamén se acordou poñer en marcha a Mesa de Coordinación Policial que favorecerá a colaboración entre as forzas de seguridade implicadas nesta materia

Os datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Verín hai activos 36 casos deste tipo no sistema Viogen

A Subdelegación do Goberno segue a traballar para que o conxunto dos concellos da provincia de Ourense con Policía Local asinen esta colaboración


O Concello de Verín acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se asinou o Protocolo-Acordo de Coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local de Verín na Protección de Vítimas de Violencia de Xénero, así como os Acordos Técnicos de Colaboración e Coordinación da Garda Civil e Policía Local de Verín.

Este acordo supón un paso adiante na loita contra esta lacra, non só no Concello de Verín, senón en toda a provincia de Ourense. Dende a Delegación do Goberno en Galicia e dende a Subdelegación do Goberno provincial valórase moi positivamente a sensibilidade cara esta problemática que veñen demostrando os concellos participantes  e estase a traballar para acadar a máxima participación das forzas de seguridade locais, en sintonía co indicado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a través das Xuntas Locais de Seguridade. De feito, durante o mes de setembro na provincia de Ourense a Xunta Local de Barbadás e a Xunta Local de Xinzo de Limia adoptaron decisións semellantes.

Cando se formalice o convenio de adhesión ao Protocolo Viogen, os axentes da policía local de Verín poderán colaborar coa Garda Civil de xeito máis eficaz e directo, o cal beneficiará en último caso ás mulleres que nestes intres sofren algunha ameaza de violencia machista neste Concello. Os datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Verín hai activos 36 casos deste tipo no sistema Viogen.

O obxectivo principal que se pretende acadar con estes acordos é a optimización dos recursos humanos e materiais das Forzas e Corpos de Seguridade existentes nos municipios para garantir o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero, evitando posibles duplicidades na resposta aos casos que se susciten.

Ademais desta decisión, a Xunta Local de Seguridade aprobou a constitución da Mesa de Coordinación Policial na mesma materia. Este órgano de cooperación servirá para mellorar a colaboración entre as forzas de seguridade presentes no Concello e incidirá nunha mellora dos operativos de protección e seguimento.

A reunión de hoxe no Concello levouse a cabo baixo a presidencia compartida do Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e do Alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, acompañados pola Xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias Gil; o Xefe Territorial da Consellería de Presidencia, Manuel Pardo Cid; o xefe do Posto da Garda Civil de Verín; responsables da Policía Local; e outros representantes do Concello.