Maica Larriba destaca o descenso das infraccións penais ao longo do ano na provincia

Maica Larriba destaca o descenso das infraccións penais ao longo do ano na provincia

10/09/2020

A subdelegada do Goberno deu a coñecer os datos da Xunta Provincial de Seguridade, que revelan que o índice de infraccións penais na provincia de Pontevedra presenta un descenso do 7 % respecto ao ano pasado.

A subdelegada  do  Goberno en Pontevedra presidiu a Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as actuacións policiais na provincia ata o día de hoxe. Para iso contou coa presenza e a información dos máximos responsables dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son a comisaria provincial da Policía Nacional, Estíbaliz Palma, o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, e o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel.

Tras coñecer e analizar os datos máis relevantes presentados polos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a subdelegada do Goberno quixo destacar que “o índice de infraccións penais na provincia presenta unha tendencia negativa durante o 2020, xa que a cifra deste ano é menor que a do ano pasado”. Larriba subliñou que Pontevedra presenta “unha baixada interanual acumulada do 7 %, rexistrándose un descenso máis pronunciado nos grandes municipios”. Segundo a tipoloxía de delito, os roubos en domicilios, en establecementos e con forza son os que presentan unha maior caída.

Neste sentido, a subdelegada do Goberno resaltou “o importante descenso dos roubos en establecementos rexistrado en Vigo e Vilagarcía de Arousa. Conséguese reverter así unha situación que preocupaba á veciñanza de ambas vilas debido ao seu aumento durante o ano pasado”.

Por outra banda, Larriba quixo facer un chamamento á cidadanía para que “extremen as precaucións cando efectúan compras na rede ou responden a correos electrónicos fraudulentos, xa que as estafas por Internet e os ciberdelitos seguen medrando”.

“Non obstante, e atendendo ao que vai de ano, é posible afirmar que Pontevedra é unha provincia moi segura”, declarou a subdelegada. “Xa que se ben é certo que durante os meses de verán as cifras non son tan positivas debido a que nas localidades costeiras, cun índice turístico maior e cun movemento de persoas máis elevado, produciuse un aumento dos roubos en vivendas e outros delitos, estes continuaron a ser excepcións”.

Comportamento exemplar da hostalaría fronte a Covid19

Durante o seu encontro, os tres responsables policiais informaron á subdelegada de que a cidadanía cumpre, en liñas xerais, coas medidas de prevención fronte a Covid19. Neste sentido, Larriba destacou que “durante o verán, nalgunhas zonas máis turísticas, tivo que facerse un esforzo de vixilancia e control maior. Non obstante, e agás excepcións, a veciñanza cumpriu e cumpre coas normas sanitarias vixentes”. Ademais, a subdelegada quixo resaltar “o comportamento exemplar da hostalaría e dos seus responsables, que xogan un papel fundamental na prevención da expansión do virus”.

A ocupación, un delito marxinal en Pontevedra

Por último, a subdelegada do Goberno salientou que “segundo os datos proporcionados polos responsables policiais, a ocupación de vivendas non é un problema real na provincia de Pontevedra, non sendo así noutras zonas do país”. Larriba subliñou que “na provincia existen casos puntuais, pero ningún é recente. Todos veñen de anos atrás e son casos de xente sen fogar”.