Maica Larriba visita a Zona de Especial Protección para as Aves de O Vao

Maica Larriba visita a Zona de Especial Protección para as Aves de O Vao

09/10/2020

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou hoxe a reserva ornitolóxica de O Grove para celebrar o Día Mundial das Aves Migratorias e concienciar sobre a importancia da súa preservación.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou hoxe xunto ao alcalde de O Grove, José Antonio Cacabelos, a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de O Vao co gaio da celebración do Día Mundial das Aves Migratorias.

Maica Larriba quixo sumarse á celebración deste día mundial promovido polas Nacións Unidas co obxectivo de contribuír “a concienciación sobre a importancia da preservación das aves migratorias e os seus hábitats”. “Ter na provincia un espazo de altísima importancia medioambiental como este é un privilexio. O Vao é unha reserva estratéxica no tránsito das aves migratorias durante o inverno e é importante poñelo en valor para que se acheguen a el non so os afeccionados á ornitoloxía, senón toda a xente comprometida co medio ambiente”, asegurou Larriba. A subdelegada do Goberno fixo fincapé ademais na importancia económica, alén da medioambiental, que teñen este tipo de espazos, “xa que son un gran atractivo para desestacionalizar o turismo. Este espazo marabilloso é outro dos grandes valores do Concello de O Grove, tamén durante o inverno”.

O Vao é unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), unha categoría de protección de carácter europeo outorgada a áreas naturais de especial relevancia para a conservación destas especies, particularmente as que están ameazadas de extinción. Este área, que forma parte da Reserva Ornitolóxica de O Grove e que está integrada dentro da Rede Natura 2000, é visitada cada inverno por unha media de entre 3.000 e 5.000 aves. Entre os visitantes que recibe este punto do litoral galego atópanse a garza común e a garza real, os colimbos chico e ártico, o alcatraz atlántico pasando polo negrón común, o charrán patinegro ou a serreta mediana. Esta especial riqueza e diversidade converten este reserva nun dos lugares máis extraordinarios para a observación de aves acuáticas e mariñas do norte da Península Ibérica.

Así mesmo, a subdelegada quixo lembrar “o compromiso deste Goberno coa preservación do medio ambiente e cunha economía máis verde e máis sostible. Unha aposta que materializouse antonte co anuncio dunha inversión de 26.640 millóns para acelerar a transición ecolóxica e fomentar a inversión verde. Isto supón un 37 % dos fondos que se inverterán entre 2021 e 2023 dentro do marco do 'Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Economía Española'”.

Pola súa banda o alcalde de O Grove quixo agradecer á subdelegada a súa presenza no vila e reafirmou o compromiso do Concello coa recuperación da súa contorna.

Día Mundial das Aves Migratorias

Desde o 2006, o segundo sábado de outubro a Organización das Nacións Unidas promove a celebración do Día Mundial das Aves Migratorias co obxectivo de resaltar a necesidade de colaboración internacional para garantir a conservación das aves migratorias e promover a preservación dos seus hábitats. Baixo o lema “As aves conectan o noso mundo” mañá celebrarase este día, que este ano pretende subliñar a importancia da cooperación internacional para protexer estas especies.

Segundo datos deste organismo, aproximadamente 1.800 das 11.000 especies de aves que existen migran cada ano, e España é un dos principais corredoiros migratorios do mundo debido a súa ubicación xeográfica.