A delincuencia diminuíu un 5% en Rábade o ano pasado

Imagen Junta Seguridad Rábade

09/10/2020


 En 2019 denunciáronse no municipio 73 infraccións penais, 49 por delitos graves e menos graves, e a Garda Civil detivo 16 persoas

 Aumentaron os delitos contra o patrimonio e contra as persoas, mentres que baixaron os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual e contra a seguridade colectiva


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Rábade, Francisco Xosé Fernández Montes, copresidiron a Xunta Local de Seguridade que se reuniu esta mañá na Casa do Concello para analizar o estado da seguridade no municipio.

 

Nesta reunión, Isabel Rodríguez informou de que as estatísticas oficiais da Garda Civil reflicten unha diminución do 5,19% na cifra de delitos rexistrados no municipio en 2019. Rexistráronse en total 73 infraccións penais, delas 49 por delitos graves e menos graves e 24 por delitos leves. Un ano antes denunciáranse 77 infraccións penais, das que 47 foran por delitos graves e 30 por delitos leves.

 

A subdelegada deu conta de que, no referido aos delitos graves, aumentaron os cometidos contra o patrimonio (pasaron de 21 a 25) e contra as persoas (subiron de 2 a 7), mentres que baixaron os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual (de 3 a 0) e os delitos contra a seguridade colectiva (de 14 a 8).

 

Os axentes da Garda Civil detiveron o ano pasado a 16 persoas no municipio pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delitos e investigou a outras 42.

 

Isabel Rodríguez agradeceu o esforzo da Garda Civil na protección da cidadanía de Rábade, moi especialmente neste ano no que, ademais dos servizos de seguridade cidadá, están a realizar un extraordinario traballo durante moitos meses por mor da pandemia do coronavirus.

 

VIOLENCIA DE XÉNERO

 

A subdelegada do Goberno tamén chamou a atención sobre a situación da violencia de xénero no municipio. Lembrou que esta é unha das grandes preocupacións sociais e informou de que no que levamos de 2020 a Garda Civil atendeu 7 denuncias por violencia de xénero en Rábade e son 6 os casos de vítimas de violencia de xénero deste municipio rexistrados no sistema VIOXEN, 3 deles están catalogados como de risco baixo e os outros 3 non apreciado.

 

PLANS OPERATIVOS DE SEGURIDADE

 

Outro asunto abordado na xuntanza foi a marcha dos plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade, condicionados este ano pola pandemia do COVID-19. Por este motivo, a Garda Civil non puido realizar todas as actividades que tiña programadas nos centros escolares de Rábade.

 

A suspensión das clases nos centros escolares obrigou a deixar pendentes 7 charlas que estaban programadas. Ata esa data realizáranse outras 7 charlas que trataron sobre riscos na Internet e novas tecnoloxías, acoso escolar, violencia de xénero e drogas e alcol.