A Subdelegación do Goberno en Ourense recibe o Selo de Excelencia conforme ao modelo de xestión de calidade CAF

A Subdelegación do Goberno en Ourense recibe o Selo de Excelencia conforme ao modelo de xestión de calidade CAF

05/01/2021

O subdelegado do Goberno sinala que con esta certificación a Subdelegación “dá un paso máis para seguir progresando no seu rendemento e facer máis fácil e máis eficaz a relación da cidadanía coa administración”

A de Ourense é a única das catro subdelegacións galegas que ten instaurado este sistema de calidade


A Subdelegación do Goberno en Ourense vén de  recibir por parte da Dirección Xeral de Gobernanza Pública a certificación de recoñecemento pola súa participación no procedemento de xestión de calidade conforme ao modelo CAF (Marco Común de Avaliación), obtendo unha puntuación situada no nivel 200-299 puntos.

O subdelegado do Goberno, Emilio González, sinalou que dita certificación leva consigo a emisión do correspondente “Selo de Excelencia” no que se especifica o modelo de xestión empregado para a avaliación e o nivel de excelencia acadado. A certificación ten unha vixencia de tres anos dende a súa concesión e, transcorridos os mesmos, poderá solicitarse a renovación cunha validez dun ano, que se efectuará previa comprobación da consolidación e mellora do nivel de excelencia acreditado pola organización candidata na súa certificación inicial.

Emilio González explicou que se trata da única das catro subdelegacións galegas que ten instaurado o sistema de calidade conforme ao modelo CAF, que supón a primeira ferramenta europea de xestión da calidade total desenvolvida por EUPAN (Rede Europea de Administracións Públicas) no ano 2000 por e para o sector público e inspirada no modelo EFQM (Modelo de Excelencia da Fundación Europea para a Xestión da Calidade). O modelo CAF deseñouse para que as organizacións públicas de Europa comezasen a empregar técnicas de xestión de calidade para mellorar o seu rendemento.

O CAF abarca todos os aspectos da excelencia organizacional, por medio do cal a Subdelegación do Goberno en Ourense levou a cabo unha exhaustiva autoavaliación iniciada en 2018 co fin de obter un diagnóstico, identificando fortalezas e debilidades para definir accións de mellora.

Emilio González sinalou que con esta ferramenta a Subdelegación do Goberno en Ourense “dá un paso máis para seguir progresando no seu rendemento e facer máis fácil e máis eficaz a relación da cidadanía coa administración”. Así mesmo, lembrou que se trata dun sistema de “mellora continua”.