Isabel Rodríguez informa aos veciños de que Lugo gañará policías en labores de investigación e non perderá calidade na atención co traslado da sala do 091

18/02/2021

 A subdelegada do Goberno explica que os veciños de Lugo terán a mesma calidade no servizo que reciben Viveiro e Monforte, onde se suprimiron en 2017 as salas do 091

 Rodríguez lembra que esta medida permitirá optimizar recursos e débese ao desenvolvemento dun Plan aprobado polo Ministerio do Interior en 2016


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, explicou hoxe aos representantes da Federación provincial de Asociación de Veciños que a única consecuencia para Lugo do traslado da sala do 091 é o aumento do número de policías que realizan labores de investigación na comisaría provincial. A subdelegada, que estivo acompañada polo comisario xefe provincial, José María Esteban, e polo xefe do Grupo de Atención ao Cidadán, inspector Manuel Yanes, reuniuse esta mañá con unha delegación da Federación veciñal, encabezada polo seu presidente, Jesús Vázquez.

 

Isabel Rodríguez aclarou que esta medida forma parte do Plan Estratéxico da Policía Nacional que se puxo en marcha en 2017, e foi aprobado polo Ministerio do Interior en 2016. Froito deste plan, que ten a finalidade de conseguir maior eficacia e rapidez de resposta nas intervencións da Policía Nacional, implementáronse os Centros Intelixentes de Mando, Atención, Comunicación e Control.

 

A subdelegada indicoulles aos representantes veciñais que as administracións, igual que fan as familias, están obrigadas a optimizar os recursos e que esta medida non causará prexuízo ningún aos lucenses. “Funcionará igual de ben que o fan outros servizos de emerxencias, como o 112, por exemplo, que tamén está centralizado”.

 

“É unha decisión técnica, non política, como o demostra o feito de que o desenvolvemento deste plan comezou co anterior Goberno, en 2017”, destacou a subdelegada.

 

Rodríguez, lembrou que “foi daquela, en 2017, cando se suprimiron as salas do 091 en Viveiro e Monforte de Lemos, sen que os veciños perderan calidade na atención, como tampouco se resentiu o servizo cando desapareceron as salas do 091 noutras cidades, como Santiago de Compostela ou Ferrol”.

 

“En definitiva, Lugo non perderá policías, senón que haberá máis policías na calle e nos traballos de investigación, velando pola seguridade dos lucenses, que é o noso único obxectivo”.