As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado realizaron 412 controis das medidas fronte a COVID-19 na provincia durante a última semana

04/03/2021

O subdelegado do Goberno lembrou que a Garda Civil e a Policía Nacional traballan coordinadamente coa Policía Autonómica e as Policías Locais para asegurar o cumprimento das restricións fixadas polas autoridades sanitarias

Garda Civil e Policía Nacional realizaron 310 inspeccións a establecementos de hostalaría da provincia dende a entrada en vigor das novas normas sanitarias


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu na mañá de hoxe a reunión do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria.

No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia, que avaliaron o traballo realizado na última semana polas forzas e corpos de seguridade para controlar o cumprimento das medidas ditadas polo Goberno autonómico.

O subdelegado do Goberno informou de que, dende o pasado día 24 de febreiro e ata o 3 de marzo, a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 412 operativos de vixilancia na provincia de Ourense. En total, foron identificadas 4.950 persoas, controláronse 3.888 vehículos e formuláronse 232 propostas de sanción.

No encontro tamén se realizou un balance dos primeiros días en vigor das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia vixentes dende o pasado 26 de febreiro, especialmente no referido ao Plan de Hostalaría Segura, que pasou a ser o principal obxectivo do traballo que realizan coordinamente na provincia Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica e as Policías Locais dos distintos concellos. Así, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado colaboraron nas labores de control realizando 310 inspeccións a establecementos de hostalaría na provincia.

Emilio González destacou o traballo realizado polos distintos corpos e forzas de seguridade para asegurar o cumprimento das restricións fixadas polas autoridades sanitarias, coas que se trata de garantir a saúde das ourensás e dos ourensáns, e apelou á cidadanía a “seguir actuando con responsabilidade e cumprindo a normativa establecida para continuar freando a transmisión do virus na provincia”.