A Policía Nacional, a Policía Adscrita e a Garda Civil realizaron 3.570 controis na provincia durante os últimos catorce días

07/04/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) na que se fixo balance da Semana Santa.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro asistiron o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; o comisario provincial accidental de Pontevedra, Camilo Loureiro; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante os últimos catorce días para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia o pasado 26 de marzo. En total, do 24 de marzo ao 6 de abril, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita levaron a cabo 3.570 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 3.410 axentes, se identificaron a 14.268 persoas, se controlaron 10.759 vehículos e se elevaron 510 propostas de sanción. Ademais, as autoridades policiais levaron a cabo 3.170 inspeccións en establecementos hostaleiros da provincia, onde interpuxeron 145 sancións.

No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos catorce días 3.174 controis nos que participaron 2.061 efectivos. Nestes operativos 10.182 persoas foron identificadas, 9.506 vehículos foron controlados, 129 persoas foron sancionadas e 3 detidas. En particular, no ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou 2.450 controis e interpuxo 82 sancións.

Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 250 controis na provincia que contaron coa participación de 1.112 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 3.937 persoas e 1.243 vehículos, 4 persoas foron detidas e se elevaron 342 propostas de sanción. Na hostalaría, a Policía Nacional realizou 439 controis e interpuxo 46 sancións.

Por último, a Unidade de Policía Adscrita de Galicia organizou 146 dispositivos nos que identificou a 149 persoas, controlou 10 vehículos e interpuxo 39 propostas de sanción. Nestes dispositivos participaron 237 axentes autonómicos. No ámbito da hostalaría, este corpo levou a cabo 281 inspeccións en establecementos que se saldaron con 17 denuncias.

Para a subdelegada do Goberno estas cifras evidencian “un comportamento responsable da cidadanía durante os pasados días festivos, xa que agás excepcións os veciños e veciñas da provincia manifestaron unha conducta exemplar”. Así mesmo, Larriba salientou que a meirande parte das sancións que se interpoñen continúan a ser por non usar as máscaras segundo estipula a normativa. Neste sentido, a subdelegada lembrou a importancia de usar sempre a máscara, sen excepcións, “tamén cando estamos nun bar ou nunha terraza, agás no momento de consumir a comida ou bebida”.

Do mesmo xeito, Larriba avanzou que os corpos de seguridade continuarán coas súas labores de prevención fronte á COVID-19, levando a cabo controis e dispositivos adaptados á normativa autonómica.