O subdelegado do Goberno en Ourense entrega a Cruz da Orde do Mérito Civil ao capitán da Garda Civil, Emilio Martínez Núñez

08/04/2021

Emilio González destacou a traxectoria profesional do condecorado tras 29 anos no corpo e eloxiou o seu compromiso constante co servizo á cidadanía


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, fixo entrega esta mañá da Cruz da Orde do Mérito Civil a Emilio Martínez Núñez, capitán da Garda Civil, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e ao seu compromiso constante co servizo á cidadanía. O acto celebrouse na Subdelegación do Goberno cun aforo limitado para respectar as medidas de prevención da COVID-19.

O capitán Emilio Martínez, actualmente destinado na Comandancia da Garda Civil en Ourense, foi condecorado coa Cruz da Orde do Mérito Civil pola súa traxectoria profesional,  destacando ao longo dos seus 29 anos no corpo o esclarecemento de numerosos ilícitos penais de todo tipo, entre eles varios incendios forestais, e as buscas de persoas desaparecidas, moitas delas de noite e con condicións climatolóxicas adversas, como o rescate en outubro de 2018 de tres ciclistas de orixe portuguesa perdidos no Parque Natural do Xurés nunha zona de difícil acceso. Tamén se recoñece con esta condecoración a súa participación no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas a través de numerosas charlas na provincia de Ourense sobre acoso escolar e ciberbullying.

Durante o acto de entrega, o subdelegado do Goberno quixo, en primeiro lugar, trasladarlle os seus parabéns ao condecorado, e eloxiou a súa profesionalidade e exemplaridade, poñendo en valor “o seu esforzo e vocación de servizo público dentro e fóra do traballo, valores que representan a esencia de ser servidor do Estado”.

Así mesmo, Emilio González sinalou na súa intervención que esta condecoración é unha distinción ao “traballo diario e incansable dos axentes da Garda Civil que desenvolvedes de forma rigorosa e tenaz para garantir a seguridade na provincia de Ourense”.

Por último, o subdelegado do Goberno quixo recoñecer tamén o esforzo e a labor que desenvolveron os membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado durante o último ano, marcado pola pandemia da COVID-19.

Ao acto, presidido polo subdelegado do Goberno, asistiron o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Ourense, Rafael López; o comisario xefe da Comisaría Provincial do CNP en Ourense, Juan Carlos Blázquez; o tenente alcalde de Celanova, Francisco Javier Fernández; o exalcalde de Celanova, José Luis Ferro, de quen partiu a proposta de concesión da medalla; e a esposa do condecorado.