Larriba destaca a total normalidade e o bo comportamento da veciñanza durante o primeiro fin de semana con mobilidade nocturna ata as 23 h

19/04/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro asistiron o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante a fin de semana para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. En total, do 14 ao 18 de abril, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita levaron a cabo 1.305 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 1.319 axentes, se identificaron a 5.278 persoas, se controlaron 3.450 vehículos, se detiveron a 10 persoas e se elevaron 117 propostas de sanción. Ademais, as autoridades policiais levaron a cabo 1.200 inspeccións en establecementos hostaleiros da provincia, onde interpuxeron 27 sancións.

No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos cinco días 1.175 controis nos que participaron 859 efectivos. Nestes operativos 4.869 persoas foron identificadas, 3.359 vehículos foron controlados e 29 persoas foron sancionadas. En particular, no ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou 934 controis e interpuxo 13 sancións.

Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 71 controis na provincia que contaron coa participación de 363 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 290 persoas e 91 vehículos, 10 persoas foron detidas e se elevaron 85 propostas de sanción. Na hostalaría, a Policía Nacional realizou 91 controis e non interpuxo sancións.

Por último, a Unidade de Policía Adscrita de Galicia organizou 59 dispositivos nos que identificou a 119 persoas e sancionou a 3. Nestes dispositivos participaron 119 axentes autonómicos. No ámbito da hostalaría, este corpo levou a cabo 175 inspeccións e interpuxo 14 propostas de sanción.

A subdelegada do Goberno salientou que as cifras de sancións continúan sendo baixas o que evidencia “un seguimento exemplar das normas por parte cidadanía de Pontevedra”. “Durante o primeiro fin de semana con restaurantes abertos para ceas e toque de queda ampliado ata as 23 horas, os veciños e veciñas de todos os municipios de Pontevedra tiveron un comportamento exemplar”, asegurou Larriba. Non obstante, advertiu que “é importante seguir sendo prudentes como ata agora, non podemos baixar a garda”. Do mesmo xeito, a subdelegada anunciou que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado continuarán a colaborar coa Xunta de Galicia para facer cumprir as medidas sanitarias de prevención, vixiando, en especial, o cumprimento das normas na hostalaría.

Por último, a subdelegada valorou tamén a situación no Grove, o único concello da provincia que permanece en nivel máximo de restricións e con peche perimetral, destacando que “non se rexistraron grandes problemas coa mobilidade neste municipio durante a fin de semana”.