Emilio González informa de que o Goberno abonou prestacións sociais a 12.786 asalariados e 3.616 traballadores por conta propia no último mes

06/05/2021

O Ingreso Mínimo Vital chegou no mes de marzo a 3.334 beneficiarios na provincia

A liña de avais do ICO supuxo o financiamento de 761,6 millóns de euros a 4.018 empresas ourensás


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, informou hoxe de que un total de 16.402 traballadores ourensáns percibiron algún tipo de prestación social no último mes. As prestacións abonadas polo SEPE e a Seguridade Social chegaron nese período a 12.786  traballadores asalariados e a 3.616 autónomos.

As persoas en situación de ERTE no mes de marzo na provincia eran 3.631, 836 menos que a finais de febreiro. A maior cifra de traballadores afectados por un ERTE na provincia rexistrouse no mes de abril do pasado ano cando chegaron a ser 17.755. A 30 de setembro, o 84,9% dos traballadores afectados por un ERTE reincorporáranse ao mercado laboral. Dende setembro de 2020 ata febreiro de 2021, como consecuencia das restricións provocadas polas sucesivas ondas da pandemia, o número de traballadores en ERTE aumentou.

Emilio González detallou que o SEPE abonou no mes de febreiro 12,8 millóns de euros en prestacións sociais (ERTEs, desemprego...) a 12.786 traballadores ourensáns. A contía que pagou o SEPE polos ERTEs nese mes foi de 2,2 millóns de euros. Dende abril de 2020, o gasto acumulado en prestacións sociais na provincia supuxo 163,2 millóns de euros, dos cales 52,2 millóns corresponden a ERTEs. Esta cantidade total implica un gasto de 69,2 millóns máis que no mesmo período do ano anterior.

En canto aos traballadores por conta propia, dende o 1 de outubro, cando entraron en vigor novas modalidades de prestacións para autónomos (compatibles coa actividade, por cese ou limitación temporal da actividade ou por baixos ingresos), 3.616 autónomos ourensáns recibiron algunha destas prestacións. Dende o inicio da crise e ata o 30 de setembro, 11.253 autónomos da provincia percibiran algún tipo de prestación.

En canto aos datos relativos ao Ingreso Mínimo Vital, o subdelegado do Goberno sinalou que esta prestación chegou a 3.334 ourensáns en situación de vulnerabilidade económica no mes de marzo, dos que 1.989 son adultos e 1.345 son menores de idade.

Ademais, o Instituto de Crédito Oficial avalou ata o 31 de marzo na provincia de Ourense 6.144 operacións que afectan a 4.018 empresas, en especial pemes e de autónomos. Supoñen un importe avalado de 555,7 millóns de euros (0,6% do total) e un financiamento total de 761,6 millóns.