José Miñones: “Galicia non pode entenderse hoxe sen a presencia da Garda Civil nas súas vilas, no mundo rural e do mar e nas estradas”

13/05/2021

O delegado remarca o papel vertebrador de Galicia que cumpre a Garda Civil, con competencia directa en 299 dos 313 concellos galegos, a través de 169 cuarteles e postos de atención á cidadanía

José Miñones sinala a seguridade do Xacobeo, a protección das vítimas de violencia de xénero e a loita contra os incendios forestais como retos inmediatos


O delegado do Goberno, José Miñones, sinalou hoxe que “Galicia non pode entenderse hoxe sen a presencia da Garda Civil nas súas vilas, no mundo rural e do mar e nas estradas”, e alabou o servizo que prestan os máis de 5.000 homes e mulleres que integran este corpo de seguridade na Comunidade galega. No acto de celebración do 177 Aniversario da Fundación da Garda Civil, que se desenvolveu no Cuartel de Lonzas, na Coruña, o delegado remarcou o papel vertebrador de Galicia que cumpre a Garda Civil, “con competencia directa en 299 dos 313 concellos de Galicia, a través de 169 cuarteles e postos de atención á cidadanía”.

Pandemia da COVID-19

José Miñones agradeceu o papel cursado polas e polos axentes do Instituto Armado durante a pandemia. Tras lembrar que a protección da saúde pública entronca coa seguridade da cidadanía, apuntou que “a Garda Civil traballou intensamente polo ben deste país, pola salvagarda do seu presente e a esperanza dun futuro que agora vemos con maior claridade”, como se deduce “dos máis de 38.000 dispositivos que despregou en Galicia só no último estado de alarma, que vimos de rematar”, indicou.

O delegado tivo un recordo especial para as vítimas da COVID-19 no colectivo e sinalou que, ante a gravidade da pandemia, a Garda Civil deu exemplo da súa resiliencia asumindo con lealdade á cidadanía e aos poderes públicos tarefas de prevención, auxilio e de sanción aos incumpridores.

Retos de Seguridad

Na súa intervención, o delegado fixo un repaso polos retos que afronta o Instituto Armado en Galicia no que resta de ano. Comezou citando a protección da celebración do Xacobeo, tanto nas vilas como das rutas a Santiago de Compostela, como unha das prioridades para os próximos meses.

Xunto a esta, José Miñones lembrou o papel de protección das vítimas de violencia de xénero a través dos equipos especializados nesta materia. Finalmente, apuntou ao próximo inicio da campaña de loita contra incendios forestais, na que “o colectivo da Garda Civil, pola súa versatilidade e o seu coñecemento do territorio, da mostras cada ano de gran operatividade e de resposta fronte á lacra dos incendios nos montes galegos”.

177 Aniversario

A Garda Civil recuperou este ano a celebración descentralizada do 177 aniversario da súa fundación, tras a modificación imposta polo estado de alarma o pasado ano. Con esta conmemoración recórdase a creación da Garda Civil no ano 1844 mediante un Real Decreto, como un Corpo especial de forza armada de infantería e cabalería coa denominación de Gardas Civís.

No acto celebrado esta mañá no cuartel de Lonzas participaron o xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil, Luis Francisco Rodríguez; e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo.

Durante o mesmo, entregáronse a catro gardas que pasaron á reserva un carnet de pertenza ao Corpo coa condición de retirado e que creou este ano o Ministerio do Interior para emitir ao persoal que entre nesta condición.