A sudelegada do Goberno pide ás forzas de seguridade un esforzo especial durante a ponte nos dispositivos contra a COVID-19

14/05/2021

 Isabel Rodríguez reúnese coas forzas de seguridade para coordinar o traballo con motivo da ponte do 17 de maio tralo auto do TSXG que avalou as restricións establecidas pola Xunta
 A subdelegada informou de que durante esta semana a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia 276 controis, 210 inspeccións na hostalaría e formularon 31 propostas de sanción


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe unha reunión para coordinar o dispositivo policial con motivo da ponte do 17 de maio e tralo auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avalou as restricións establecidas pola Xunta para facer fronte á pandemia da COVID-19. Na xuntanza, celebrada por vía telemática, participaron mandos da Policía Nacional e da Garda Civil, así como da Policía Autonómica e da Policía Local de Lugo.

 

Isabel Rodríguez trasladoulles aos responsables das forzas de seguridade a necesidade de facer un esforzo especial nas zonas de ocio nas que nesta ponte se poidan producir aglomeracións de persoas, tanto na cidade de Lugo como no resto de concellos da provincia.

 

A subdelegada informou de que o operativo de seguridade contra a pandemia seguirá actuando con intensidade e contando coa colaboración de todas as forzas de seguridade, que están a dar un exemplo de profesionalidade, coordinación e servizo á sociedade.

 

Rodríguez tamén deu conta de que nesta semana a Policía Nacional e a Garda Civil montaron na provincia 276 controis e 210 inspeccións en establecementos de hostalaría. Nos dispositivos participaron 704 axentes,  foron identificadas 2.595 persoas e controlados 2.273 vehículos. Como consecuencia destes controis, entre os días 10 e 13 de maio, por parte da Policía Nacional e da Garda Civil, formuláronse na provincia 31 propostas de sanción.