Isabel Rodríguez alerta de que son 558 as mulleres da provincia rexistradas no sistema Vioxén de protección de vítimas de violencia de xénero

31/05/2021

 A subdelegada destaca que a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade para o Goberno e advirte de que esta “tamén é unha pandemia, contra a que aínda non temos vacina”


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que na provincia hai rexistradas, a día de hoxe, 558 mulleres no sistema Vioxén de protección a vítimas da violencia de xénero. A subdelegada alertou sobre estes datos durante a súa intervención na apertura das xornadas “Violencia de Xénero: Cooperación Internacional e Medios de Comunicación”, que comezaron esta tarde organizadas pola asociación “Sí, hai saída” e a UNED.

 

Isabel Rodríguez detallou que, entre os  casos da provincia que están rexistrados no sistema Vioxén, hai 5 considerados de risco alto, 67 de risco medio, 222 de risco baixo e 277 non apreciado. A subdelegada lembrou, ademais, que xa son 14 as mulleres asasinadas en España no que levamos de ano e a cifra de vítimas mortas elévase a 1.092 desde que existen rexistros.

 

“Son cifras arrepiantes, e  son, sobre todo, mulleres ás que lles roubaron a vida e ás que non podemos, nin debemos, esquecer e polas que todos debemos comprometernos a plantarlle cara aos agresores, aos que matan, e aos que ameazan, presionan, ningunean ou intimidan”, manifestou Isabel Rodríguez.

 

A subdelegada advertiu de que “a violencia de xénero tamén é unha pandemia, contra a que aínda non dispoñemos de ningunha vacina” e asegurou que “para o Goberno esta é unha prioridade, tamén en tempos de pandemia, porque ninguén ten dereito a dicirlle a unha muller como debe gobernar a súa vida”.

 

Ademais, a subdelegada destacou a importancia de que “o tecido asociativo e o mundo académico se alíen para reflexionar sobre un drama social como é o da violencia de xénero” e puxo en valor a celebración destas xornadas “nun ámbito tan importante como é o universitario, que é onde se forman os líderes sociais”.

 

Para Rodríguez, “asociacións como Sí, hai saída xogan un papel decisivo na defensa e na reivindicación dos dereitos das vítimas, e resulta necesario que non estean soas”. Por iso, agradeceu “a sensibilidade da UNED para dar cabida a estas xornadas nas que, entre outros temas, analizarase o papel dos medios de comunicación, que son o espello de todo o que acontece na sociedade, pero tamén actúan como revulsivo de conciencias”.