Isabel Rodríguez anima á AECC a proseguir co seu labor de apoio aos doentes de cancro nas novas instalacións, nun local que lle cedeu o Goberno

01/06/2021

 A subdelegada do Goberno eloxia a rehabilitación do espazo do Carril dos Loureiros que é propiedade da Seguridade Social e no que tivo a súa sede o Instituto Social da Mariña
 Rodríguez asistiu á inauguración do Novo Espazo da AECC acompañada polo director da provincial Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude
 A subdelegada felicítase porque a colaboración do Goberno coa AECC permite darlle nova vida a un local sen uso, no que se ofrecen unhas magníficas instalacións, céntricas e accesibles aos doentes de cancro


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, animou hoxe á Asociación Española Contra o Cancro a continuar coa súa extraordinaria labor de apoio e asesoramento aos doentes de cancro nas novas instalacións que estrea nun local cedido polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. A subdelegada participou esta mañá, xunto co director provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e outras autoridades, no acto de inauguración do Novo Espazo da AECC,

 

Isabel Rodríguez  felicitou á presidenta da AECC de Lugo, Marí Luz Abella, e ao resto da xunta directiva polo traballo de rehabilitación e acondicionamento do novo local, onde os usuarios disporán dunhas magníficas instalacións situadas nunha zona moi céntrica y facilmente accesible.

 

Rodríguez explicou que o Goberno está sempre disposto a colaborar e facilitar o traballo de entidades sociais que desenvolven un labor tan valioso para os lucenses e expresou a súa satisfacción por “ter axudado a que se dea apoio nas mellores condicións e con todo o confort posible, ás persoas que sofren cancro e ás súas familias”. Destacou tamén que esta colaboración do Goberno coa AECC permitiu  “darlle unha nova vida a un local que levaba varios anos pechado e sen uso, sufrindo o deterioro propio do paso do tempo”.

 

“Penso que darlle un uso social é o mellor que podemos facer con este local que forma parte do patrimonio público, e a Asociación Española contra o Cancro de Lugo ten acreditada unha longa traxectoria de traballo ao servizo da sociedade lucense”, destacou a subdelegada do Goberno.

 

CASE 500 METROS CADRADOS

 

O local, situado no Carril dos Loureiros, número 17, de Lugo ten unha superficie de 477,56 metros cadrados, distribuídos en plantas baixa e primeira. Nel tivo a súa sede a Dirección provincial do Instituto Social da Mariña ata que trasladou as súas oficinas, en novembro de 2012, a un inmoble novo situado na rúa Músico Xosé Castiñeiras,

 

A Seguridade Social cedeu o uso destas dependencias á AECC a finais de 2018 mediante un acordo de colaboración no que se establece que a Tesourería Xeral da Seguridade Social facilita o uso do local á xunta provincial de Lugo da Asociación Española contra o Cancro que, á súa vez, faise responsable do acondicionamento, instalación, conservación, mantemento e demais gastos e impostos que lle correspondan, entre os que se inclúe o IBI.

 

A Asociación Española contra o Cancro, que leva máis de 60 anos de actividade en Lugo, presta apoio psicolóxico, atención social e orientación sanitaria a enfermos de cancro e aos seus familiares.