Emilio González visita as obras de acondicionamento do Mosteiro de Santa María de Montederramo financiadas a través do Programa do 1,5% Cultural do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

03/06/2021

O subdelegado do Goberno mantivo un encontro co alcalde do municipio, Antonio Rodríguez, para supervisar estas actuacións financiadas nun 75% polo Mitma.

Emilio González tamén se interesou polo proxecto de aforro enerxético do Concello subvencionado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e o desenvolvemento do Programa PEBA-NGA.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, desprazouse esta mañá ao concello de Montederramo para visitar as obras realizadas no Mosteiro de Santa María de Montederramo con cargo ao Programa do 1,5% Cultural do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, para conservación ou enriquecemento do Patrimonio Histórico Español. Na visita estivo acompañado polo alcalde do municipio, Antonio Rodríguez.

Para o proxecto de acondicionamento de espazos para incorporar á visita cultural do Mosteiro de Montederramo o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana fixo unha achega de 149.999,54 euros, o que supón o 75% do presuposto total.

Emilio González reivindicou a importancia do Programa do 1,5% Cultural, porcentaxe a aplicar sobre o presuposto de todas as obras públicas que se executan pola Administración do Estado para financiar distintas actuacións no patrimonio histórico, cultural e artístico que, como neste caso, “servirán para restaurar o edificio, ademais de impulsar o interese turístico da zona e o aproveitamento por parte da cidadanía do patrimonio que pertence a todos os españois”.

As actuacións tiveron como finalidade a restauración parcial das cubertas e fachadas do Mosteiro de Santa María de Montederramo e concretáronse sobre a cuberta e lanterna da cúpula do cruceiro; así como nas cubertas e fachadas da ábsida da nave central, do brazo sur do cruceiro e da sancristía.

O obxectivo das obras expostas consiste en garantir que a cuberta só precisará no futuro labores sinxelas de limpeza e mantemento, así como asegurar a súa durabilidade por un período mínimo de vinte anos.

EFICIENCIA ENERXÉTICA E PROGRAMA PEBA-NGA

No encontro, o subdelegado do Goberno tamén salientou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, grazas ás axudas do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), respaldou economicamente cunha subvención de 94.080 euros o proxecto de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público nas parroquias de Covas, San Cosme de Montederramo, Paredes, Gabín, Montederramo e Nogueira, o que implicará un importante aforro económico para o concello, que se poderá destinar a outros servizos municipais, e de emisións á atmósfera.

Estas iniciativas enmárcanse na liña de axudas destinadas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020.

Por outra banda, o subdelegado do Goberno sinalou que o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA), coa implicación do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, conta con dezaseis entidades de poboación de Montederramo beneficiarias na convocatoria de 2019, o que permitirá que nos vindeiros meses a banda ancha chegue ás mesmas.