A subdelegada do Goberno visita o Instituto de Investigacións Mariñas co gaio do Día Mundial dos Océanos

08/06/2021

Acompañada polo seu director, Juan Francisco Saborido, e o delegado do CSIC en Galicia, Antonio De Ron, a subdelegada coñeceu os diferentes proxectos que está a desenvolver o centro e visitou a mostra Ciencia á vista con Yoel Iglesias organizada polo Instituto no paseo de Bouzas.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou esta mañá as instalacións viguesas do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) acompañada polo seu director, Juan Francisco Saborido, e o delegado do CSIC en Galicia, Antonio De Ron, con motivo da celebración, no día de hoxe, do Día Mundial dos Océanos.

Durante a súa visita, a subdelegada puido coñecer de primeira man os traballos de investigación que o centro leva a cabo no ámbito dos ecosistemas mariños e da pesca en Galicia. Na actualidade, o Instituto desenvolve máis de 90 proxectos de investigación multidiscplinares, prestando especial atención ás consecuencias do cambio climático. Ademais, os seus programas de seguimento de pesqueiras internacionais e de tecnoloxías dos alimentos están enfocados a dar resposta ás necesidades do sector industrial galego e nacional e son un referente internacional.

Entre outros, a subdelegada coñeceu o proxecto de valorización de produtos pesqueiros con pouco consumo e os traballos que están a desenvolver para a fabricación dun envase biodegradable e un sistema de etiquetado intelixente que permita ofrecer información sobre o produto ao consumidor final.

A subdelegada quixo destacar “o prestixio do Instituto de Investigacións Mariñas no eido das ciencias mariñas, os recursos naturais e a tecnoloxía dos alimentos. Grazas a centros como este, a cidade de Vigo é unha potencia en ciencias mariñas e oceanográficas, con centros e proxectos punteiros e de gran calidade que converten a nosa provincia nunha referencia internacional”.

Así mesmo, Larriba lembrou que “o estudo do mar é unha prioridade para o Goberno de España, xa que é unha consecuencia lóxica da convicción de que o mar é importante para o noso país e fundamental para o seu futuro”.

A subdelegada lembrou a celebración do Día Mundial dos Océanos, que este ano resulta fundamental xa que con ela         “arranca unha década de desafíos para lograr o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 14 que persigue conservar e utilizar de maneira sostible os océanos, os mares e os recursos mariños”. “A investigación científica é fundamental para preservar os nosos océanos e a súa vez satisfacer as necesidades da sociedade”, explicou, ao mesmo tempo que subliñou “a importancia de centros como o que hoxe visitamos, cuxa labor é fundamental para preservar o medio mariño e conseguir unha xestión sostible dos nosos mares”. 

Tras finalizar a visita ás instalacións do centro, a subdelegada achegouse ao paseo marítimo de Bouzas, onde o Instituto de Investigación Mariñas, co gaio da conmemoración deste día mundial, instalou un punto informativo e unha serie de paneis con fotografías que recollen o seu traballo. A subdelegada percourreu a mostra acompañada polos responsables da institución.

O Instituto de Investigacións Mariñas, referente internacional

O Instituto de Investigacións Mariñas ( IIM) é un centro de investigacións mariñas e pesqueiras que pertence e que se atopa situado en Vigo (Pontevedra) España.   O Instituto iniciou a súa andaina en 1951. En 1973 inaugúrase a sede actual do centro en Bouzas, onde o grupo comezou os seus estudos sobre tecnoloxía dos produtos pesqueiros. O centro leva sendo referencia da investigación mariña en España e particularmente en Galicia durante case 70 anos.