Emilio González apela á responsabilidade dos condutores ante a presenza de persoal de conservación e mantemento traballando nas estradas

Emilio González apela á responsabilidade dos condutores ante a presenza de persoal de conservación e mantemento traballando nas estradas

19/06/2021

Entre os meses de xaneiro e xuño de 2021 producíronse catro sinistros na provincia contra vehículos de conservación por distraccións dos condutores dos outros vehículos implicados.

Nos últimos anos dous operarios de mantemento de estradas faleceron nas vías ourensás por este tipo de accidentes.

O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense establecerá controis de velocidade nos cortes sinalizados nas vías de titularidade estatal nos que se realicen traballos de conservación e mantemento.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo unha reunión co xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), David Llorente, e co xefe provincial da Unidade de Estradas do Estado en Ourense, Álvaro Rodríguez, para analizar os datos das incidencias viais e sinistros que se veñen producindo na provincia contra vehículos de conservación e mantemento de estradas.

Durante o encontro, puxeron de manifesto a súa preocupación polo incremento deste tipo de incidentes nos últimos meses. Constátase que entre xaneiro e xuño de 2021 producíronse catro accidentes contra vehículos de conservación de estradas por distraccións e invasión da beiravía por parte dos condutores dos outros vehículos implicados, cun balance de seis feridos leves. Así mesmo, sinalaron que nos últimos anos dous operarios de mantemento faleceron nas estradas ourensás a causa deste tipo de sinistros.

Segundo sinalou o xefe provincial da Unidade de Estradas do Estado en Ourense, obsérvase que nos puntos nos que se realizan traballos de conservación e mantemento de estradas algúns condutores, a pesar dos sistemas de sinalización, non reducen a velocidade ou invaden o carril ou beiravía nos que se está traballando.

O xefe provincial da DXT indicou que “a desescalada, a chegada do bo tempo e o aumento da mobilidade lévannos a unha situación na que debemos insistir na importancia dun comportamento seguro ante a presenza de persoal traballando nas vías”.

Así, co obxectivo de reducir o número de accidentes acaecidos nestas circunstancias e de diminuír o perigo para os integrantes dos equipos de conservación, o subdelegado do Goberno indicou que os axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense establecerán controis de velocidade naqueles cortes sinalizados nas diferentes vías de titularidade estatal nos que se realicen traballos de conservación e mantemento.

“Estes profesionais realizan o seu traballo nas estradas, polo que para a súa seguridade é fundamental que os condutores extremen a prudencia e atención. Por iso, é preciso facer unha chamada de atención para concienciar da presenza dos operarios de conservación e mantemento que están na rede viaria traballando diariamente para asegurar a mobilidade e a seguridade dos usuarios da mesma”, sinalou Emilio González.