A Subdelegación do Goberno reparte 220 mil máscaras a entidades locais e sociais da provincia

08/07/2021

Desde o inicio da crise sanitaria, a Subdelegación repartiu xa 1,8 millóns de máscaras na provincia destinadas ás familias máis necesitadas e colectivos vulnerables.

A Subdelegación do Goberno vén de pór en marcha un novo reparto de 220.000 máscaras na provincia. A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou hoxe o dispositivo de distribución situado no Parque Móbil do Estado. Estas máscaras súmanse ás máis dun millón e medio que o Goberno español repartiu xa na provincia desde o inicio da pandemia.

Neste sétimo operativo de distribución, 76.000 máscaras foron entregadas hoxe a Cruz Vermella, Cáritas e ao CERMI (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) para o seu reparto entre a poboación máis vulnerable da provincia.

Ademais, a Subdelegación do Goberno entregará aos municipios de A Estrada e Lalín 3.000 máscaras respectivamente; a Marín e Ponteareas, 3.500; a Cangas 4.000; a Redondela 4.500; a Vilagarcía de Arousa 6.000; a Pontevedra 13.000 e a Vigo 45.500. En total, estes concellos repartirán 86.000 máscaras entre a súa poboación. A Deputación de Pontevedra tamén recibirá 58.000 máscaras para distribuír entre os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

Durante a súa visita ao operativo, a subdelegada quixo subliñar o esforzo realizado durante o último ano e medio polo Goberno por non deixar a ninguén atrás durante esta crise sanitaria. “En total, e contando coa entrega actual, o Goberno repartiu a entidades sociais e locais da provincia 1,8 millóns de máscaras destinadas as persoas máis vulnerables”.

Así mesmo, Larriba recordou que “aínda que este elemento protector xa non é de uso obrigatorio en espazos abertos, o seu uso en espazos pechados ou cando non se pode manter a distancia de seguridade continúa a ser moi a importante, xa que como estamos a observar unha e outra vez non nos podemos confiar; unha mellora da situación require compromiso e responsabilidade por parte de todos e todas”.

Campaña nacional

Este reparto enmárcase na campaña de distribución de máscaras posta en marcha polo Goberno esta semana e que distribuirá un total de 14.465.000 máscaras cirúrxicas destinadas a colectivos vulnerables a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e de diversas entidades sociais.

Como en ocasións anteriores, nesta acción colaboran os ministerios de Sanidade e de Política Territorial e Función Pública e a distribución coordinarase a través das delegacións e subdelegacións do Goberno en cada comunidade autónoma.

Este envío súmase aos máis de 13 millóns de máscaras que se distribuíron o pasado mes de marzo polos mesmos canles. Así mesmo, ao longo de 2020, distribuíronse máis de 64 millóns de máscaras entre a FEMP e entidades sociais; 32 millóns, concretamente, entre os meses de novembro e decembro para reforzar a campaña entre os colectivos en situación de maior vulnerabilidade económica a finais de ano.