A Subdelegación do Goberno distribúe 54.000 máscaras a entidades locais e sociais da provincia de Ourense destinadas a colectivos vulnerables

08/07/2021

§ O subdelegado do Goberno fixo entrega dun lote de 6.000 máscaras a Cáritas e CERMI.

§ O Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense recibiron un total de 48.000 unidades deste material de protección.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, supervisou na xornada de hoxe a entrega de 54.000 máscaras destinadas ás entidades locais e sociais, nun novo reparto que realiza o Executivo central para atender a colectivos de poboación vulnerable.

Durante a mañá, Emilio González entregou un lote de 6.000 máscaras ás representantes de Cáritas Ourense, María Tabarés, e de COGAMI, Mónica Limia, para facilitar que os seus usuarios e as entidades que forman parte do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Ourense (CERMI) poidan facer uso deste material de protección.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno supervisou o dispositivo e entregou ao tenente alcalde, Armando Ojea, un lote de 16.500 unidades correspondentes ao Concello de Ourense. As restantes 31.500 foron entregadas ao vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Férnandez, para a súa distribución entre os concellos da provincia con poboación inferior a 20.000 habitantes.

Emilio González quixo subliñar o esforzo realizado durante o último ano e medio polo Executivo central para non deixar a ninguén atrás durante esta crise sanitaria. “Con este oitavo reparto o número total de máscaras distribuídas polo Goberno de España na provincia de Ourense é de 576.500 unidades”.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno recalcou que “aínda que este elemento protector xa non é de uso obrigatorio en espazos abertos, o seu uso en espazos pechados ou cando non se pode manter a distancia de seguridade continúa a ser moi a importante”, polo que lembrou a necesidade de “facer un uso correcto das máscaras e respectar as normas dispostas polas autoridades sanitarias”.

REPARTO NACIONAL

En todo o territorio nacional, os ministerios de Sanidade e Política Territorial e Función Pública repartirán con esta nova entrega un total de 14,4 millóns de máscaras a través de entidades sociais e da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A distribución coordínase a través das Delegacións e Subdelegacións do Goberno en cada comunidade autónoma.

Un total de 7,2 millóns de unidades serán repartidas a través da FEMP e outros 7,2 millóns distribuiranse entre as entidades sociais Cáritas (308.000); Cruz Roja (3.466.000); a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, EAPN (2.008.000); e o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade, CERMI (504.000).

Nesta ocasión, tamén se distribuirán un total de 932.000 máscaras a través da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), ademais de 41.000 unidades que se destinarán directamente ás cidades autónomas de Ceuta e Melilla.