Maica Larriba apela á responsabilidade individual para frear o avance do virus

09/07/2021

A subdelegada do Goberno mantivo unha reunión por videoconferencia cos principais responsables policiais da provincia para deseñar os operativos de seguridade de cara o fin de semana.

Tras a reunión de coordinación mantida hoxe polo delegado do Goberno en Galicia cos responsables autonómicos das Forzas e Corpos de Seguridade, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo un encontro por videoconferencia cos mandos provinciais de Garda Civil e Policía Nacional para coordinar e definir os operativos policiais na provincia para o control das medidas sanitarias vixentes de cara a fin de semana.

Axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado estarán presentes nas zonas de maior afluencia da provincia para evitar as concentracións de persoas e, en especial, a celebración de botellóns.

Neste sentido, a subdelegada do Goberno lembrou que “na nosa Comunidade Autónoma está prohibido o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas, así como noutros lugares de tránsito público, polos riscos que presenta esta práctica para a saúde pública”. A este respecto, Larriba pediu a todos os veciños e veciñas da provincia “responsabilidade para evitar situacións que poidan contribuír á propagación do virus e, por tanto, ao aumento dos contaxios”.

Os axentes acordaron, así mesmo, reforzar a vixilancia das localidades turísticas nas que se espera unha importante chegada de visitantes durante a fin de semana e, en especial, aqueles puntos costeiros que poden rexistrar unha maior afluencia de persoas.

Non obstante, Larriba lembrou que “alén dos operativos policiais que se poidan deseñar para garantir o cumprimento das medidas sanitarias vixentes, a responsabilidade individual é fundamental para frear o avance do virus e o aumento dos casos”.