Isabel Rodríguez chama á responsabilidade persoal na loita contra a pandemia

09/07/2021

A subdelegada do Goberno informa da intensificación dos controis das forzas de seguridade esta fin de semana e lembrou a necesidade da colaboración cidadá para frear o avance do virus

Rodríguez participou esta mañá nunha reunión de coordinación convocada pola Delegación do Goberno tralas novas restricións decididas pola Xunta e tamén mantivo unha xuntanza cos mandos policiais da provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, fixo hoxe un chamamento á responsabilidade persoal que é imprescindible, dixo, para poñer freo ao avance do coronavirus na provincia.

 

Isabel Rodríguez informou da intensificación dos controis por parte das forzas de seguridade esta fin de semana tal como se acordou en dúas xuntanzas celebradas esta mañá.

 

A subdelegada participou primeiro nunha reunión de coordinación convocada polo delegado do Goberno, José Miñones, que se celebrou por vía telemática e posteriormente mantivo unha xuntanza, na Subdelegación do Goberno, con mandos das forzas de seguridade da provincia.

 

Rodríguez destacou que xunto aos dispositivos e a vixilancia por parte das forzas de seguridade ante as restricións sanitarias marcadas pola Xunta, para controlar o avance da pandemia é precisa a colaboración e a responsabilidade dos cidadáns, moi especialmente da xente moza, polo que apelou aos lucenses a facer uso do ocio sempre de xeito seguro e cumprindo a normativa.

 

Na reunión de coordinación policial, que contou coa participación de mandos da Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Autonómica e a Policía Local de Lugo, deseñouse o dispositivo que traballará conxuntamente con especial fincapé nas zonas con maior concentración de persoas.