Isabel Rodríguez felicítase pola incorporación do Concello de Chantada ao sistema Viogen de protección das vítimas da violencia de xénero

21/07/2021

A subdelegada e o tenente de alcalde presiden a Xunta Local de Seguridade que dá o primeiro paso formal para a colaboración da Policía Local coa Garda Civil na protección das vítimas de violencia de xénero

Tamén se estudou o operativo de seguridade para a 47 edición da Subida a Chantada e analizouse a situación da seguridade cidadá

A subdelegada explica que 2020 foi un ano atípico e as restricións á mobilidade pola pandemia reduciron moito a delincuencia

En 2020 rexistráronse en Chantada 151 infraccións penais, un 17% menos que o ano anterior


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, felicitouse hoxe pola próxima incorporación do Concello de Chantada ao sistema Viogen de protección das vítimas da violencia de xénero, que se aprobou hoxe nunha Xunta Local de Seguridade celebrada na Casa da Cultura, presidida pola subdelegada e o tenente de alcalde de Chantada, Manuel Diéguez. Na reunión, que tamén analizou o operativo de seguridade con motivo da 47 edición da Subida a Chantada, participaron mandos da Garda Civil, do Subsector de Tráfico, a Policía Local e a Policía Autonómica.

 

Isabel Rodríguez aplaudiu a decisión do Concello e do alcalde de Chantada de sumarse aos concellos da provincia adheridos a Viogen, coa sinatura do procedemento operativo de coordinación e colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para garantir o cumprimento das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero.

 

A subdelegada anunciou que “cando conclúa o proceso que hoxe poñemos en marcha formalmente, Chantada vai ser o quinto municipio da provincia no que a súa Policía Local colabora coa Garda Civil e a Policía Nacional na protección das vítimas da violencia de xénero”.

 

“É unha mostra de sensibilidade social e de compromiso nunha loita na que todos debemos implicarnos”, dixo a subdelegada quen informou de que, con data de onte, martes, o sistema Viogen tiña rexistrados 19 casos en Chantada, dos que 1 estaba catalogado como caso en risco medio, 9 en risco baixo e outros 9 non apreciado.

 

Ademais, Isabel Rodríguez informou de que a Garda Civil atendeu 2 denuncias por violencia de xénero en Chantada no que levamos de ano. En 2020 rexistráronse 7 e en 2019 foron 8 as denuncias presentadas por este motivo.

 

SUBIDA A CHANTADA

 

En canto á 47 edición da Subida a Chantada, que se celebrará a próxima fin de semana, a subdelegada anunciou que a Garda Civil ten previsto poñer en marcha un dispositivo especial de seguridade, no que tamén participarán axentes do Subsector de Tráfico.

 

Ademais, fixo un chamamento a pilotos e público para que respeten escrupulosamente todas as normas de seguridade da carreira previstas pola organización, e destacou especialmente a necesidade de non baixar a garda e cumprir coas normas contra o coronavirus ditadas polas autoridades sanitarias.

 

SEGURIDADE CIDADÁ

 

A Xunta Local de Seguridade tamén examinou a situación da seguridade cidadá no concello de Chantada, que, tal como reflicten as estatísticas da Garda Civil ten unha taxa de criminalidade do 18,51‰, que é inferior á media da provincia (21,1), de Galicia (27,3) e de España (37,4).

 

A subdelegada informou de que en 2020 a delincuencia experimentou un descenso do -17,03% no municipio de Chantada, ao pasar de 182 infraccións penais no ano 2019 a 151 no 2020.

 

Isabel Rodríguez considerou, en todo caso, que “non debemos ser triunfalistas porque 2020 foi un ano completamente atípico e as restricións á mobilidade tiveron tamén impacto nos feitos delictivos, tanto no seu número como no tipo de delitos rexistrados”. Así, descenderon tanto os delitos graves e menos graves, que foron 65 (-12,16%), como os leves, dos que se computaron 86 (-20,37%).

 

En contra desa tendencia á baixa, a subdelegada advertiu do aumento que se está a producir nas estafas por internet e informou de que en 2020 rexistráronse en Chantada 4 delitos de falsidade catalogadas como delitos graves ou menos graves.

 

PLANS DE SEGURIDADE

 

A subdelegada tamén informou da marcha dos plans operativos          que ten en marcha a Secretaría de Estado de Seguridade como son o Plan de Seguridade Ano Santo Xacobeo 2021 e os dirixidos a escolares e persoas maiores.

 

Rodríguez explicou que a crise sanitaria do coronavirus impactou, tamén, no desenvolvemento destes plans, ao diminuír drasticamente a cifra de peregrinos, ademais de afectar á actividade académica e a colectivos especialmente sensibles como os maiores.

 

Este verán, ante a previsión do aumento de peregrinos que, no caso de Chantada, se dirixan a Santiago a través do Camiño de Inverno, a Garda Civil ten despregado o Plan de Seguridade Ano Santo Xacobeo 2021.

 

En canto ao Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos, no curso escolar 2019/2020 realizáronse un total de 3 actividades no IES Val do Asma e tiveron que suspenderse outras 13 que estaban programadas debido á suspensión das clases: No curso 2020/2021 foron 5 as actividades celebradas, a maioría por video conferencia, nos CEIP Xoan do Requeixo e Eloísa Rivadulla.

 

Respecto do Plan Maior de Seguridade, a subdelegada animou ao Concello a solicitar a celebración dalgunha actividade cando a evolución da pandemia o faga posible.