Emilio González resalta a labor da Garda Civil e da Policía Nacional para garantir un turismo seguro na provincia de Ourense durante a temporada estival

23/07/2021

O subdelegado do Goberno destaca que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado contan con plans específicos para velar pola seguridade dos peregrinos durante o Xacobeo 2021.

Emilio González sinala que a aplicación Alercops mantén a funcionalidade que reforza a seguridade no Camiño de Santiago e permite xeolocalizar aos peregrinos que a activen nos seus móbiles.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presentou esta mañá o dispositivo de reforzo da seguridade na provincia con motivo da Operación Verán 2021, do Plan Turismo Sostible Seguro e do plan de seguridade do Xacobeo. No acto, celebrado no Mosteiro de Oseira e na Ponte Romana de Ourense, estiveron presentes o comisario xefe de Operacións, Eduardo Gutiérrez, e o capitán da Garda Civil da Compañía de Ourense, Jesús Ramón Viaño.

O subdelegado do Goberno informou de que o Ministerio do Interior reforza durante a temporada estival a plantilla da Garda Civil con 46 efectivos, ademais de contar co apoio dun Módulo de Intervención Rápida do GRS e dun helicóptero no momento en que sexa precisa a súa intervención.

Pola súa banda, na Policía Nacional incorporaranse 25 axentes, entre persoal en prácticas e funcionarios de carreira. A eles súmase o apoio dun equipo operativo da Unidade Especial de Cabalería de Pontevedra.

“A provincia de Ourense é unha das máis seguras do Estado e con estes dispositivos tentamos redobrar esforzos para garantir a seguridade, a protección e atender en todo momento as necesidades das persoas que nos visitan durante o verán”, sinalou González Afonso.

OPERACIÓN VERÁN 2021 E TURISMO SEGURO

O subdelegado do Goberno salientou que a Operación Verán 2021, activada polo Ministerio do Interior o 1 de xullo, “permite na nosa provincia aumentar a vixilancia e control preventivo en vías de comunicación urbanas e interurbanas, estacións, hoteis, cámpings e calquera acontecemento que supoña unha gran concentración de persoas”. Ademais, refórzase a prevención fronte a determinados ilícitos penais contra a propiedade, como roubos en interior de vivendas, e fronte ás estafas on-line.

O subdelegado do Goberno sinalou que a Operación Verán 2021 é complementaria do Plan Turismo Sostible Seguro, que se centra en previr a comisión de feitos delituosos dos que poidan ser vítimas os cidadáns nacionais e estranxeiros nos seus desprazamentos e estancias, así como a prover aos turistas da asistencia e asesoramento en cuestións relacionadas coa súa seguridade.

SEGURIDADE PARA OS PEREGRINOS

O subdelegado do Goberno destacou que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado tamén velan pola seguridade de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago. Así, neste sentido a Policía Nacional e a Garda Civil contan con plans específicos para este Xacobeo 2021, con medidas e actuacións concretas que se suman a outras experiencias articuladas en edicións anteriores.

Emilio González indicou que o Plan de Seguridade establecido pola Garda Civil proporciona o núcleo fundamental da protección ao peregrino e do Camiño, dando prioridade á preservación da seguridade cidadá, a regulación do tráfico, a ordenación do territorio e a protección do patrimonio histórico-artístico e ambiental.

Ademáis, a Garda Civil reforza a súa presenza nos territorios de baixa densidade demográfica e continúa coa campaña de comunicación Gardiáns no Camiño, coa distribución de carteis con consellos de seguridade en varios idiomas en distintos puntos do camiño, e co uso da aplicación Alertcops do Ministerio do Interior.

Por outra banda, o subdelegado do Goberno sinalou que o Plan de Seguridade “Protexemos o Camiño: Ano Xubilar 2021-2022” pretende previr e reducir a delincuencia nos distintos roteiros xacobeos que atravesan cidades e localidades onde a Policía Nacional ten competencia.

Este dispositivo contempla a figura dun axente nas dependencias da Policía Nacional como punto de información e comunicación co peregrino. Ademais, as propias comisarías e outras dependencias da Policía Nacional establecidas ao longo dos diferentes camiños convértense en centros oficiais de selado de credenciais.

ALERTCOPS

O subdelegado do Goberno sinalou ademáis que a aplicación Alercops do Ministerio do Interior mantén a funcionalidade que reforza a seguridade no Camiño de Santiago e que permite xeolocalizar aos peregrinos que a activen nos seus móbiles. A funcionalidade debe ser habilitada de forma voluntaria polo cidadán, permitindo compartir as súas 10 últimas posicións.

AlertCops é un servizo prestado a través dunha aplicación gratuíta en dispositivos móbiles, que proporciona unha canle directa coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para comunicar un feito do que se é vítima ou testemuña como roubos ou casos de violencia de xénero.