O Estado destina ás estradas da rede estatal na provincia trinta e nove máquinas quitaneves para facilitar a vialidade

El delegado del Gobierno y otras autoridades visitando el centro de vialidad invernal de As Nogais

11/11/2014


No principio desta campaña cóntase con máis de 2.500.000 litros de salmoira e 9.300 toneladas de sal

O obxectivo é garantir a seguridade nas vías estatais da provincia de Lugo e da vertente leonesa do porto de Pedrafita


O delegado do Goberno, Samuel Juárez, acompañado polo subdelegado en Lugo, Ramón Carballo, visitaron esta mañá o centro de Noceda (As Nogais), onde puideron amosar algúns dos medios operativos activados no plan de vialidade invernal na rede de estradas do Estado na provincia de Lugo, para a campaña 2014-2015. Medios estatais que operarán máis alá da provincia, incluíndo tramos de Castela-León. De feito os medios están dimensionados para actuar na vertente leonesa do porto de Pedrafita, ata Vilafranca do Bierzo. O dispositivo estatal disporá, ao comezo desta campaña, de 39 máquinas quitaneves, para facilitar a circulación ante nevadas e outras situacións meteorolóxicas extremas.

A posta en marcha deste plan de vialidade invernal, que activaba a principios de este mes a Delegación do Goberno en Galicia, integra e coordina o conxunto de medios da Administración Central dispoñibles na provincia e na vertente leonesa do porto de Pedrafita. Así mesmo establece os procedementos de actuación dos servizos, medios e recursos do Estado que sexa necesario mobilizar ante a predición de precipitacións en forma de neve ou meteoroloxía adversa, co obxecto de previr situacións de risco e minimizar os seus posibles efectos negativos. Trátase de asegurar a vialidade de circulación na rede estatal de estradas, reducir ao mínimo o número de tramos con restricións ao tráfico, así como evitar no posible as retencións de vehículos ou, no seu caso, minimizar a súa duración.

Na visita desta mañá ao centro de vialidade invernal de Noceda, xunto ao delegado e o subdelegado do Goberno estiveron o xefe provincial da Demarcación de Carreteras del Estado en Lugo, Narciso González; a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o xefe da Comandancia da Garda Civil de Lugo, o tenente coronel Miguel Ángel González Arias; o capitán de Tráfico da Garda Civil, Javier Miranda; e o xefe da Unidade de Protección Civil e Emerxencias da Subdelegación do Goberno, Juan Yáñez.

MEDIOS DISPOÑIBLES
O plan detallado esta mañá, cubre 753,27 quilómetros de estradas convencionais e autovías estatais da provincia de Lugo, incluíndo a vertente leonesa de Pedrafita. No inicio desta campaña disporase dun total de 39 máquinas quitaneves e esparexedoras de sal e salmoira, 9.300 toneladas de sal, e 2.515.000 litros de salmoira. Nesta campaña increméntanse novamente as toneladas dispoñibles de salmoira, por ter menor impacto ambiental que o sal.

A nivel Comunidade Autónoma, lembrar que o ámbito de actuación deste protocolo estatal abarca un total de 2.267 quilómetros de rede, vías convencionais, autovías e autopistas (AP-9 y AP-53), e dispón ao inicio desta campaña de 90 máquinas quitaneves (62 camións convencionais quitaneves e 28 camións esparexedoras de salmoira), máis de tres millóns de litros de salmoira e 18.000 toneladas de sal. Aínda así, as cantidades de salmoira e sal correspóndense cos acopios iniciais e poderán ser aumentados a medida que discorra o inverno, se é necesario.

O documento que detalla o Plan autonómico e provincial para a campaña 2014-2015 inclúe os modos de execución e coordinación necesarios nas actuacións fronte ás predicións meteorolóxicas extremas, coa definición dos mecanismos particulares de cada fase da mesma: alerta, preemerxencia e emerxencia. Tamén se especifican os mecanismos de información, coordinación e cooperación cos órganos e autoridades da Xunta de Galicia e das distintas administracións provinciais e locais.

POSTOS DE MANDO AVANZADO NA PROVINCIA
Os medios e materiais cos que se conta para a presente campaña na provincia de Lugo e na vertente leonesa do porto de Pedrafita distribúense en catro postos de mando estratéxicos:

1- Pedrafita, que atende o porto de montaña do mesmo nome, tanto na súa vertente da provincia de Lugo como na de León, e encárgase do tramo potencialmente máis conflitivo dos enmarcados neste protocolo.

2- Lugo, que é o que abarca un maior número de quilómetros da rede viaria provincial. Encárgase da autovía A-6 e a estrada Nacional VI dende O Cereixal ata o límite coa provincia da Coruña, así como da N-540, a N-547 e a parte sur da N-640. O tramos máis significativos son os portos de Campo de Árbol e do Picato.

3- Vilalba, encargado da autovía A-8, as estradas N-634, N-642 e a parte norte da N-640. Os tramos máis destacados son os portos da Xesta o Marco de Álvare e o Alto do Fiouco.

4- Monforte de Lemos, que atende a estrada N-120, sendo o tramo máis significativo o Porto de Guitara.

PROGRAMA NACIONAL
A campaña de vialidade invernal artéllase a través do “Protocolo para a Coordinación de actuacións dos órganos da Administración Xeral do Estado”. A coordinación territorial en Galicia realízaa a Delegación do Goberno, colaborando nos plans provinciais as Subdelegacións. No protocolo xeral interveñen tamén os servizos de Conservación e Explotación de Estradas, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil e as Xefaturas provinciais de Tráfico, en colaboración cos órganos e servizos previstos nos plans territoriais de emerxencias das comunidades autónomas.