A subdelegada do Goberno en Lugo preside a toma de posesión de José María Esteban como novo comisario xefe provincial

Imaxe do acto celebrado hoxe en Lugo

05/02/2019


Isabel Rodríguez agradece o esforzo da Policía Nacional para facer de Lugo unha das provincias máis seguras e anima aos axentes “a non baixar a garda, para manter a Lugo dentro das provincias con menores taxas de criminalidade”

A subdelegada destaca que “o Corpo Nacional de Policía ten 195 de vida e de éxitos, pero nunca hai que conformarse, a policía debe estar preparada ante a aparición de novas formas de delincuencia”

Rodríguez remarca a gran experiencia profesional do novo comisario xefe e agarda que o seu nomeamento supoña “unha nova inxección de enerxía e vitalidade”

No acto, entregáronse diplomas a seis funcionarios de policía xubilados en 2017 e 2018 en recoñecemento polos servizos prestados


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe o acto de toma de posesión do novo comisario xefe da Policía Nacional na provincia, José María Esteban Corral. No acto, no que tamén participaron o xefe superior de Policía de Galicia, Manuel Vázquez, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entre outras autoridades, conmemorouse ademais o 195 aniversario da creación da Policía Nacional.

Isabel Rodríguez destacou a feliz coincidencia que supón conmemorar o nacemento do corpo da Policía ao mesmo tempo que se incorpora ao seu mando en Lugo o novo comisario. “Festexamos un feito histórico como foi o nacemento do corpo da Policía en España ao mesmo tempo que a Policía de Lugo recibe unha nova inxección de enerxía e de vitalidade”, dixo a subdelegada antes de destacar que o novo comisario xefe, que sustitúe no cargo a Antonio Villamarín, “ ten unha brillante carreira profesional labrada desde o seu ingreso na Escola Superior de Policía en 1983, como acreditan as numerosas condecoracións que ten recibido polo seu traballo en San Sebastián, Oviedo, Irún e Avilés. A súa experiencia profesional e a capacidade de organización e dirección de equipos que ten demostrado nos distintos destinos polos que pasou son o mellor aval de que a seguridade dos lucenses está en boas mans”.

“Ese fito histórico de hai 195 anos demostrou ser unha iniciativa feliz, cada día temos probas, na nosa provincia como no conxunto de España, dos valiosos servizos que presta á sociedade o Corpo Nacional de Policía. Como toda policía moderna, sobre vós recae a responsabilidade de asegurar o libre exercizo dos dereitos cidadáns e tedes tamén a misión de velar pola seguridade de todos os lucenses”, indicou.

A subdelegada agradeceu a profesionalidade e compromiso da Policía Nacional e suliñou que “grazas ao voso esforzo, os veciños de Lugo, de Viveiro e de Monforte os cidadáns sentímonos máis seguros e protexidos”.

A subdelegada lembrou que “o Corpo Nacional de Policía ten 195 anos de vída e de éxitos”, pero advertiu que “nunca hai que conformarse, ha historia debe servir de estímulo para seguir construíndo o futuro e a Policía, como calquera entidade viva, está en constante evolución, ten que adaptarse aos novos tempos e debe estar preparada para os retos que presenta a continua transformación social e a aparición de novas formas de delincuencia”.

“Anímovos a non baixar a garda, debemos renovar o esforzo para manter a Lugo dentro das provincias con menores taxas de criminalidade”, remarcou a subdelegada, que aproveitou a presentación a sociedade lucense do novo comisario provincial para “pedirvos que lle deades todo o voso apoio, pois estou segura de que a súa acreditada traxectoria profesional ao mando dun equipo de profesionais como o voso supón a mellor garantía de tranquilidade para toda a sociedade lucense, á que nos debemos os servidores públicos. Agardo que todos lle brindedes a máxima colaboración e que o acollades cos brazos abertos, coa hospitalidade que nos caracteriza aos veciños de Lugo”.

DIPLOMAS A POLICÍAS XUBILADOS

A subdelegada do Goberno tamén felicitou e agradeceu “tantos anos de servizo” aos seis funcionarios de policía xubilados nos anos 2017 e 2018 que foron homenaxeados neste 195 aniversario da creación da Policía Nacional e aos que se fixo entrega de diplomas acreditativos.

Trátase do inspector xefe Rodrigo Fernández Barreiro, o oficial José Amador Prado Ferreiro e os policías Manuel Fernández Gómez, José Luis Vélez Romero, Jesús Teijeiro Iglesias, Jesús Viveiro Díaz e Jesús Santos Rodríguez.