A Garda Civil mostra aos escolares de Portomarín, Paradela e Guntín os medios e os servizos que presta á sociedade este corpo de seguridade

A Garda Civil mostra aos escolares de Portomarín, Paradela e Guntín os medios e os servizos que presta á sociedade este corpo de seguridade

12/04/2019


A subdelegada do Goberno e o director da alta inspección de Educación da delegación do Goberno destacan a importancia de que os mozos lucenses coñezan o labor que presta á sociedade a Garda Civil

200 escolares reuníronse na praza do Conde de Fenosa para coñecer como funcionan os distintos servizos da Garda Civil


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, tomou parte hoxe nunha nova actividade programada para este curso escolar na provincia pola Garda Civil dentro do Plan Director para a Convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos. Os actos, que tiveron lugar na praza do Conde de Fenosa, consistiron nunha exposición de medios e demostracións e contaron coa participación de orredor de 200 escolares de centros educativos dos municipios de Portomarín, Paradela e Guntín.  A subdelegada do Goberno estivo acompañada polo director da alta inspección de Educación da delegación do Goberno en Galicia, Manuel Regueiro, e o tenente coronel xefe accidental da Comandancia de Lugo, Carlos Freire, así como polo alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, e polas respectivas direccións dos centros escolares participantes.

Isabel Rodríguez destacou a importancia de dar a coñecer á toda a sociedade, sobre todo aos mozos, os distintos servizos que presta a Garda Civil. Ademais, a subdelegada do Gobeno agradeceu a implicación das forzas e corpos da seguridade do Estado para facer posible cada curso académico a celebración de numerosas actividades que se desenvolven nos distintos centros educativos da nosa provincia dentro do Plan Director para a Convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas.

ESTUDANTES DE TRES CONCELLOS

Nos actos, celebrados durante gran parte da mañá, tomaron parte uns 200 alumnos de 3 a 16 anos cursos do CEIP Virxe da Luz de Portomarín, o CPI Tino Grandío de Guntín e o CEIP San Miguel de Paradela.

Os estudantes tiveron ocasión de asistir a distintas exhibicións como a que realizaron especialistas de montaña do instituto armado, que simularon un rescate en alta montaña.

Nesta actividade, a última que se realiza na provincia neste curso académico, participaron diferentes especialidades da Garda Civil en Galicia, tales como a Unidade de Helicópteros, o Grupo de Actividades Subacuáticas, Especialistas de Montaña, Escuadrón de Cabaleiría, Ebyl, Servizo Cinolóxico, Agrupación de Tráfico, Seguridade Cidadá, Servizo de Sanidade, Servizo de Intervención Rápida, Servizo de Protección da Natureza e Laboratorio de Policía Xudicial.

En total, participaron nestas actividades uns 50 axentes das distintas especialidades.

PLAN PARA A CONVIVENCIA

Ao abeiro do Plan Director para a Convivencia nos centros educativos prográmanse durante o curso académico exposicións e charlas, impartidas tanto pola Garda Civil como pola Policía Nacional, para a formación dos escolares en temas de especial interese para os nenos e mozos como poden ser a prevención do acoso escolar, os riscos da internet e as redes sociais ou a violencia de xénero.