A subdelegada do Goberno supervisa os dispositivos de seguridade para a noite das fogueiras en Nigrán

A subdelegada do Goberno supervisa os dispositivos de seguridade para a noite das fogueiras en Nigrán

20/06/2019

Aproveitando a Xunta Local de Seguridade, Maica Larriba e o concelleiro de Nigrán repasaron as novidades sobre infraccións penais na localidade


A subdelegada do Goberno en Pontevedra,  Maica Larriba, coordinou durante esta  mañá a  Xunta Local de  Seguridade en Nigrán, cos máximos responsables da  Seguridade  Cidadá e da administración local. Nela participaron o concelleiro de Seguridade, Rubén Rial, máximos mandos comarcais da Garda Civil e da agrupación de Tráfico, membros da Unidade da Policía Autonómica (UPA) na provincia, ademais dos representantes da propia Policía Local. Larriba quixo facer fincapé nas próximas celebracións das fogueiras de San Xoán, tan populares e multitudinarias en toda a nosa comarca. Por iso, ambas administracións quixeron verificar a coordinación necesaria para estes días, especialmente centrados na zona de Praia América. Para iso contarase co traballo de vixilancia da Garda Civil en todos os accesos ás zonas de praia. Ademais Tráfico disporá dun dispositivo móbil de controis de consumo de alcol e drogas.  A este respecto a Policía Autonómica, dentro das súas competencias, realizará a vixiancia específica en menores respecto ao consumo destas substancias. Pola súa banda, a Policía Local levará a cabo control e  patrullaxe nas zonas de maior acumulación de persoas para garantir  a seguridade de todos. Por outra banda, a subdelegada de Goberno informou da seguridade da localidade de Nigrán dado que as súas infraccións penais en 2018 víronse reducidas en algo máis do quince por cento con respecto a 2017.

 Igualmente os delitos contra o patrimonio descenderon nun 39% respecto a 2017 e contra as persoas tamén experimentaron unha redución do 23%, datos positivos  de acordo coas cifras xa consolidadas.

 A este respecto,  Maica  Larriba apuntou algúns datos provisionais desta primeira metade de 2019, contando cun incremento do 35% en canto a nivel de esclarecementos dos feitos  delictivos e o importante descenso ao 100%  nos delitos relacionados coa liberdade e identidade sexual.