O delegado do Goberno comprométese a trasladar ao Goberno as demandas de maior financiamento da Real Academia Galega

Imaxe da visita

25/06/2019

Reitera ante o presidente da Real Academia o compromiso do Goberno de España coa promoción e uso do galego

Javier Losada reuniuse co presidente da Real Academia, Victor F. Freixanes, a quen lle transmitiu este apoio institucional


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, realizou hoxe unha visita institucional á sede da Real Academia Galega, onde mantivo unha xuntanza co seu presidente, Victor F. Freixanes.

A visita serviu para reiterar o compromiso do Goberno de España co uso institucional da lingua galega, e así o manifestou Javier Losada no Libro de Honra da RAG, onde insistiu na súa disposición “para que este legado que nos fai únicos siga contando co máximo apoio institucional”.

O delegado do Goberno comprometeuse a trasladar ao Goberno central as demandas de maior financiamento da Institución “ao mesmo nivel que outras reais academias”, lembrando que a partida destinada a RAG debe “estar en consonancia co tesouro que significa a nosa lingua para os galegos e as galegas”.

A Delegación do Goberno organizará no próximo ano un programa de actos con gallo do Día das Letras Galegas, ao igual que se fai con outras celebracións, como o 25-N. O obxectivo é facer visible o apoio do Goberno de España coa promoción e uso da lingua galega, fundamentalmente no que se refire ás institucións estatais ubicadas en Galicia e nas súas relacións coa sociedade galega.