Maica Larriba destaca a normativa contra os falsos autónomos impulsada polo actual Goberno

Maica  Larriba destaca a normativa contra os falsos autónomos impulsada polo actual Goberno

27/09/2019


A subdelegada do Goberno en Pontevedra participa na clausura da segunda edición das Xornadas Laboralistas organizadas polo Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participou no acto de clausura da segunda edición das Xornadas Laboralistas organizadas polo Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra na que se contou con importantes representantes do ámbito laboral para reflexionar en temáticas tan actuais como a revisión xurisprudencial dos falsos autónomos ou os retos e o futuro dos graduados sociais e a súa responsabilidade social corporativa.

Precisamente a problemática real dos falsos autónomos foi o tema destacado por  Maica  Larriba na súa participación  clausural, incidindo en que ”as novas plataformas tecnolóxicas, mal chamadas de traballo colectivo, serviron para engadir un novo sistema de contratación de falsos autónomos que se sumaron a prácticas que xa desenvolvían outro tipo de empresas”.

Larriba baseou a súa reflexión en datos importantes como que “no noso país hai 3,2 millóns de cotizantes no réxime especial de autónomos e, en concreto, a provincia de Pontevedra conta con máis de 67.000 profesionais, e esperan melloras lexislativas que permitan seguir o camiño con novas reformas para avanzar en dereitos e con maiores cotizacións ao sistema da Seguridade Social”. Tal como recalcou a Subdelegada do Goberno “precisamente as reformas aplicadas na actualidade e as campañas de detección das malas prácticas, permitiron que nos primeiros oitos meses deste ano, 32000 falsos autónomos fosen reconvertidos en traballadores por conta allea”.

Larriba quixo agradecer a invitación do Colexio Profesional de Graduados Sociais para asistir estas importantes xornadas e expresoulles o desexo  de continuidade para  próximos anos.