Maica Larriba preside a Comisión Técnica para coordinar a loita contra a violencia de xénero en Pontevedra

Maica Larriba preside a Comisión Técnica para coordinar a loita contra a violencia de xénero en Pontevedra

30/01/2020


A subdelegada do Goberno en Pontevedra convocou aos diferentes órganos da Administración Xeral do Estado para expor un traballo conxunto na coordinación, colaboración e comunicación na loita contra a violencia de xénero, de acordo ao sistema nacional VioGén


A subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu esta mañá a Comisión Provincial Técnica para a coordinación en violencia de xénero, dentro das competencias estatais recollidas no Sistema Integral contra a violencia de xénero, coñecido polo plan  VioGén. Presidida pola subdelegada do Goberno,  Maica  Larriba, a continuación destas comisións técnicas ten o propósito de establecer unha adecuada coordinación, colaboración e comunicación entre os órganos da Administración do Estado e con outros organismos autonómicos e locais con competencias en materia de violencia de xénero.

Desta forma estívose traballando no establecemento de actuacións uniformes e clarificar as pautas e canles de comunicación regulamentaria entre os órganos competentes dependentes da administración central, garantindo a facilidade e a xestión máis adecuada. Outro dos puntos importantes refírese á incidencia da violencia de xénero na provincia e a análise das dinámicas de seguimento e protección para adaptalas ás necesidades e situacións reais.

Tal como sinalou a subdelegada do Goberno,  Maica  Larriba, “a comisión era imprescindible renovala como método de traballo para mellorar a comunicación entre todos os estamentos da administración do Estado e avanzar en propostas positivas na loita contra a violencia de xénero na provincia. Algo que se está vendo plasmado na intensidade das intervencións e o nivel de reflexión de todos os que estamos a participar, grazas a esa comunicación entre os diferentes ámbitos de acción”.

Tras esta comisión técnica quedaron fixadas as reunións ordinarias cada catro meses por parte dos técnicos correspondentes. Desta forma, manterase a comunicación necesaria para coordinar todas as accións posibles e a corrección de posibles problemas tan comúns neste tipo de violencia.  Larriba quixo destacar que “precisamente a violencia de xénero ten unhas características tan particulares que dificultan moitas veces os protocolos de seguridade ou as medidas preventivas”.

Para esta comisión de carácter extraordinario estiveron presentes representantes provinciais do ámbito xudicial en materia de violencia de xénero, como  é a maxistrada xuíza decana, Maria Belén  Rubido, xunto  a fiscalía adxunta sobre violencia de xénero,Marta  Durántez. Igualmente participaron membros dos corpos e forzas da seguridade do Estado, encabezados pola Comisaria Provincial  Estíbaliz Palma e o Tenente Coronel da Garda Civil en Pontevedra, Manuel  Touceda xunto a representantes da  UFAM de protección e investigación do Corpo Nacional de Policía e especialistas da  EMUME da Garda Civil. Igualmente participou a actual directora do Centro Penal da Lama, María Teresa Delgado que xunto á xefa de estranxeiría da subdelegación de Goberno de Pontevedra, Estefanía Bouzada e a Xefa da Unidade  de Violencia sobre a muller, Manuela  Vilaboy compartiron diversidade de experiencias desde diferentes puntos de vista para enriquecer as medidas que deben seguir tomándose para acabar co terrible impacto da violencia contra as mulleres.