Isabel Rodríguez destaca que o reto demográfico constitúe unha das liñas estratéxicas do novo Goberno

Isabel Rodríguez destaca que o reto demográfico constitúe unha das liñas estratéxicas do novo Goberno

06/02/2020


A subdelegada do Goberno recibiu hoxe aos integrantes da plataforma Galicia Baleira formada por asociacións de veciños das provincias de Lugo e Ourense

Rodríguez explicoulles que o Goberno comparte a súa preocupación polo despoboamento da Galicia interior e animounos a presentar propostas e suxestións


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, sinalou o reto demográfico como unha das liñas estratéxicas nas que traballará o Executivo de Pedro Sánchez neste mandato na reunión que mantivo hoxe coa plataforma Galicia Baleira formada por asociacións de veciños das provincias de Lugo e Ourense. A subdelegada recibiu ao colectivo encabezado polos presidentes das dúas federacións veciñais, Jesús Vázquez, e Manuel Mosquera.

Isabel Rodríguez destacou que o Goberno comparte a preocupación desta plataforma polo problema de despoboamento que sofre a Galicia interior, igual que outras provincias de España e destacou que “para nós esta é unha prioridade na nova lexislatura, proba delo é que no novo Goberno esta cuestión ten rango de vicepresidencia xa que, como sabedes, o presidente Sánchez encomendoulle esta responsabilidade, xunto á de Transcición Ecolóxica, á vicepresidenta Teresa Ribera”. A subdelegada engadiu que na anterior lexislatura o Goberno de Pedro Sánchez xa contaba con unha comisionada para o Reto Demográfico, pero “dada a relevancia deste problema para o futuro de moitas provincias como as de Lugo e Ourense, o presidente deciciu aumentarlle o rango e dentro da vicepresidencia, creouse unha secretaría xeral para o Reto Demográfico, que se vai ocupar do deseño das políticas do Goberno en materia de loita contra o despoboamento, cargo para o que o Consello de Ministros acaba de nomear, este martes a Elena Cebrián”.

Rodríguez eloxiou a iniciativa das asociacións veciñais de implicarse neste problema e animounos a facer propostas e suxestións porque “é problema de gran magnitude e de que saibamos facerlle fronte dependerá o futuro do noso país, non só das provincias que agora sofren máis o problema do despoboamento, senón que vai condicionar o desenvolvemento, o medio ambiente, o urbanismo e o futuro de España no seu conxunto”.

PENSIÓNS E SALARIOS PÚBLICOS

A subdelegada fixo fincapé na trascendencia de dúas das primeiras medidas tomadas polo novo Goberno como son a suba das pensións e o aumento do salarios dos empregados públicos para Lugo e Ourense, pola importancia que teñen estes dous colectivos nas dúas provincias.

SEGURIDADE E AGRICULTURA

Ademais, Isabel Rodríguez reiterou o compromiso do Goberno no apoio ás zonas rurais en materias como a seguridade ou a agricultura. Así manifestou que “non me cansarei de insistir en que na provincia de Lugo, que é a miña competencia, non só non vai pechar ningún cuartel da Garda Civil senón que hai previstas melloras e investimentos importantes, como anunciou, hai só uns días, o delegado do Goberno en Galicia, nunha visita a Vilalba.  A Garda Civil vai investir cerca de 5 millóns de euros para mellorar instalacións e a construcción de novos equipamentos como os cuarteis de Vilalba e da Fonsagrada. Para nós é unha prioridade garantir a seguridade dos nosos veciños, moi especialmente naqueles concellos e aldeas nas que queda pouca xente e que ademais é maior, polo que pode resultar moi vulnerable”. E tamén se referiu á defensa que está a facer o Goberno na Unión Europea de que a cohesión e a agricultura teñen que ser as claves do próximo presuposto, no que se decidirán os importes destinados aos Fondos de Cohesión e á Política Agraria Común.