A subdelegada brinda o apoio do Goberno á celebración do Ancares Cycling Marathon, nova proba ciclista que supón unha oportunidade para a promoción da provincia de Lugo

A subdelegada brinda o apoio do Goberno á celebración do Ancares Cycling Marathon, nova proba ciclista que supón unha oportunidade para a promoción da provincia de Lugo

13/02/2020


Isabel Rodríguez participou na presentación da carreira que se disputará o 26 de xullo coa participación de figuras do ciclismo como Miguel Indurain, Oscar Pereiro ou Álvaro Pino

A Garda Civil colaborará coa organización para a celebración da proba, que sairá de Pedrafita e rematará no Cebreiro


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, aplaudiu hoxe a celebración do Maraton "Ancares Cycling", que contará coa colaboración da Garda Civil para que esta proba poida desenvolverse coa debida seguridade polas estradas de varios concellos da comarca da Montaña. Isabel Rodríguez participou na presentación da proba, á que tamén asistiu o coronel da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, xunto co Deputado de Deportes, Efrén Castro; o alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, e os responsables da organización Santiago Seijas, representante do Club Ciclista Cidade de Lugo, e Ezequiel Mosquera, de EME Sports. A carreira terá lugar o día 26 de xullo, con saída en Pedrafita e chegada no Cebreiro logo de salvar catro portos de montaña de primeira categoría pasando por varios concellos da comarca e contará coa participación de figuras de renome do ciclismo como Miguel Indurain, Óscar Pereiro ou Álvaro Pino.

“A importancia desta iniciativa radica tanto nos valores deportivos como no que supón de contribución á difusión e promoción da nosa provincia”, destacou a subdelegada xa que “o deporte, como a cultura, son grandes aliados do turismo que é un dos importantes recursos cos que conta a provincia de Lugo, pola nosa natureza, a nosa gastronomía e a nosa valiosa riqueza patrimonial. Estes recursos deben ser aproveitados con intelixencia para mellorar a situación económica da provincia e das súas xentes porque nos negamos a ser un paraíso despoboado”.

“Esta proba é un reto no que se pon a proba o esforzo e capacidade dos deportistas que practican o ciclismo de alta montaña, pero estou convencida de que tamén pode servir para darlle máis visibilidade á comarca dos Ancares” indicou a subdelegada que desexou aos organizadores que a proba teña o maior dos éxitos para lograr que chegue a ser un gran referente para todos os afeccionados ao ciclismo e pediu á organización que a proba se planifique tendo en conta todos os aspectos necesarios para garantir a seguridade dos ciclistas e dos espectadores.