Subdelegación do Goberno e Concello ratifican a incorporación da Policía Local de Ames ao sistema Viogen de loita contra a violencia machista

Subdelegación do Goberno e Concello ratifican a incorporación da Policía Local de Ames ao sistema Viogen de loita contra a violencia machista

19/02/2020


A Xunta Local de Seguridade aproba tamén o protocolo de convenio que asinará o Concello amiense co Ministerio do Interior para facer efectiva a súa integración no operativo Viogen

As medidas adoptadas inclúen a creación da Mesa Local de Coordinación Policial, na que terá presenza a Garda Civil, a Policía Local e a Policía Nacional Adscrita

Os índices delituosos no concello disminuíron máis dun 5% respecto ao 2018


O Concello de Ames e a Subdelegación do Goberno da Coruña ratificaron a incorporación da Policía Local deste municipio ao sistema Viogen de loita contra a violencia de xénero, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade reunida hoxe baixo a presidencia da subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo; e o alcalde de Ames, José Miñones.

A Xunta Local de Seguridade tivo unha intensa orde do día, especialmente en materia de loita contra a violencia machista. De feito aprobou o protocolo de convenio que será asinado polo Concello co Ministerio de Interior para regular a presenza da Policía Local no sistema Viogen. Este protocolo será remitido ao Ministerio para a súa validación previa á sinatura e facer efectiva a participación de Ames neste operativo.

O sistema Viogen permitirá á Policía Local dispoñer de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista, de tal maneira que os propios policías locais pasan a asumir o seguimento e control dalgúns destes casos, xeralmente daqueles que sexan considerados de nivel de risco baixo, mentres que a Garda Civil ou no seu caso a Policía Nacional encárganse do seguimento dos casos máis graves.

Nesta mesma reunión autorizouse tamén a creación da Mesa Local de Coordinación Policial na que estarán presentes a Policía Local e a Garda Civil, ademáis da Policía Nacional Adscrita, e que terá a finalidade principal de aunar esforzos na loita contra a violencia machista.

Pilar López-Rioboo trasladou ao alcalde a seu agradecemento polo esforzo realizado no desenvolvemento das políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, tal como se evidencia nas medidas adoptadas.

Por iso, destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde nesta loita, que permitirá incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista xa que “posibilitará conseguir un mellor aproveitamento de tódolos recursos dispoñibles para previr este tipo de violencia a nivel local”.

Por outra parte, os representantes das Forzas de Seguridade do Estado informaron da evolución estatística relativa á seguridade cidadá no municipio, na que se constatou que o concello mantén un índice de criminalidade de 21 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, moi inferior ao provincial, cifrado en 31,5 delictos por cada 1.000 habitantes, e ao galego, que está situado en 28,9.

No pasado ano produciuse un descenso de más de cinco puntos nesta porcentaxe, que no 2018 estaba establecida en 26,7 infraccións penais por cada 1.000 habitantes.

As estadísticas analizadas arroxan todas datos positivos, xa que diminuíron os delictos graves e menos graves case un 18%, os delictos leves baixaron o 25% e as infraccións penais tamén se reduciron en máis do 21%; mentres que os índices de casos esclarecidos incrementáronse de maneira importante, chegando a porcentaxes de máis do 25%.

A subdelegada do Goberno trasladou aos representantes das forzas e corpos de seguridade presentes na reunión o seu agradecemento polo traballo e polo esforzo desenvolvido nestes meses, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todas as forzas para así poder consolidar este aumento da seguridade.

Á reunión de hoxe da Xunta Local de Seguridade de Ames tamén asistiron a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno en Galicia, Eva Vázquez; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Jambrina, acompañado polo xefe do Cuartel de Ames e responsables da Policía Local e da Policía Nacional Adscrita.