O concello de Barbadás mantén a tendencia á baixa nos índices de criminalidade

O concello de Barbadás mantén a tendencia á baixa nos índices de criminalidade

19/02/2020

Constátase un incremento dos delitos cibernéticos

Impulsarase a participación da comunidade educativa, proxenitores e alumnado no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Entornos.


O Concello de Barbadás acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se realizou a análise e valoración dos datos de seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero.

No tocante á seguridade cidadá o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, manifestou que en Barbadás se observa unha lixeira subida dos delitos patrimoniais, debido fundamentalmente ao incremento dos delitos cibernéticos, pero constatou que nos meses de xaneiro e febreiro de 2020 se mantén unha tendencia á baixa nos índices de criminalidade similar á do ano 2019.

Emilio González sinalou que este segue a ser “un concello seguro e que todas as administracións e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado seguirán traballando para manter os niveis de seguridade acadados”, destacando o incremento da actividade da Garda Civil en canto a número de investigados. Así mesmo, o subdelegado e o Alcalde salientaron a labor que realizan os axentes da Garda Civil, así como o Corpo de Policía Local. 

Igualmente se fixo mención ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Entornos. Impulsarase a implicación da comunidade educativa, dos proxenitores e do alumnado para incrementar nos centros escolares o número de charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade sobre o uso das novas tecnoloxías, sobre o acoso escolar, sobre a violencia de xénero e sobre a prevención de condutas aditivas (consumo de alcohol e drogas, así como ludopatía).

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Barbadás hai activos no sistema VioGen 12 casos deste tipo, dos cales un presenta risco medio, sete risco baixo e catro risco non apreciado. En canto ás medidas xudiciais, sete dos casos contan con medidas de prohibición de aproximación e comunicación; tres con medidas de prohibición de aproximación; e dous con medidas de prohibición de comunicación.

A reunión de hoxe levouse a cabo baixo a presidencia compartida do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e do alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval; acompañados pola xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias Gil; o Xefe Territorial da Consellería de Presidencia, Manuel Pardo Cid; responsables da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil; e outros representantes do Concello.