Subdelegación do Goberno e Concello acordan a renovación da adhesión da Policía Local de Vimianzo ao sistema Viogen de loita contra a violencia machista

Subdelegación do Goberno e Concello acordan a renovación da adhesión da Policía Local de Vimianzo ao sistema Viogen de loita contra a violencia machista

20/02/2020

A Xunta Local de Seguridade ratifica o protocolo de convenio que asinará o Concello co Ministerio do Interior para facer efectiva a súa renovación no operativo Viogen

As medidas adoptadas inclúen o mantenemento da Mesa Local de coordinación Policial, na que terá presenza a Garda Civil e a Policía Local

Os índices delituosos no concello sitúanse 11 puntos por debaixo da media provincial


O Concello de Vimianzo e a Subdelegación do Goberno da Coruña ratificaron a renovación da adhesión da Policía Local deste municipio ao sistema Viogen de loita contra a violencia de xénero, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade reunida hoxe baixo a presidencia da subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo; e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.

A Xunta Local de Seguridade foi convocada de forma extraordinaria para ratificar o protocolo de convenio que será asinado polo Concello co Ministerio de Interior para regular a presenza da Policía Local no sistema Viogen. Este protocolo será remitido ao Ministerio para a súa validación previa á sinatura e facer efectiva a participación de Vimianzo neste operativo.

O Concello de Vimianzo xa participa desde decembro de 2010 no sistema operativo Viogen, aínda que agora renova a súa participación. Este sistema permite á Policía Local dispoñer de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista, de tal maneira que os propios policías locais pasan a asumir o seguimento e control dalgúns destes casos, xeralmente daqueles que sexan considerados de nivel de risco baixo, mentres que a Garda Civil encárgase do seguimento dos casos máis graves.

O número de casos activos asignados á Policía Local será como máximo do 20% do total existentes no Concello e sempre terán consideración de risco baixo ou non apreciado.

A renovación do acordo supón tamén a da Mesa Local de Coordinación Policial na que están Policía Local e Garda Civil, e que ten como finalidade principal aunar esforzos na loita contra a violencia machista.

Pilar López-Rioboo trasladou á alcaldesa o agradecemento polo esforzo realizado no desenvolvemento das políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, tal como se evidencia nas medidas adoptadas.

Por iso, destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello e da súa alcaldesa nesta loita, que permite incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista xa que “posibilita conseguir un mellor aproveitamento de tódolos recursos dispoñibles para previr este tipo de violencia a nivel local”.

Por outra parte, os representantes das Forzas de Seguridade do Estado informaron da evolución estatística relativa á seguridade cidadá no municipio, na que se constatou que o concello mantén un índice de criminalidade de 20,55 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, moi inferior ao provincial, cifrado en 31,8 delictos por cada 1.000 habitantes, e ao galego, que está situado en 29,7.

A subdelegada do Goberno trasladou aos representantes das forzas e corpos de seguridade presentes na reunión o seu agradecemento polo traballo e polo esforzo desenvolvido nestes meses, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todas as forzas para así poder consolidar este aumento da seguridade.

Á reunión de hoxe da Xunta Local de Seguridade de Vimianzo tamén asistiron a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno en Galicia, Eva Vázquez; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Jambrina, acompañado polo xefe do Cuartel de Vimianzo e responsables da Policía Local e da Policía Nacional Adscrita.