Isabel Rodríguez destaca o extraordinario esforzo que está a realizar o persoal do SEPE na provincia

Isabel Rodríguez destaca o extraordinario esforzo que está a realizar o persoal do SEPE na provincia

31/03/2020


A subdelegada agradece aos funcionarios do Servizo Público de Emprego Estatal a súa implicación e compromiso para que o maior número posible de traballadores afectados por ERTES poidan cobrar as prestacións en abril

Rodríguez sinala que o persoal do SEPE, como as forzas de seguridade e os profesionais da sanidade están a poñer o mellor deles mesmos nestas duras semanas e demostran co seu traballo a importancia dos servizos públicos


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o extraordinario esforzo que está a realizar o persoal do Servizo Público de Emprego Estatal na provincia de Lugo desde a entrada en vigor do estado de alarma.
 
Isabel Rodríguez agradeceu aos funcionarios do SEPE na provincia “a súa implicación e compromiso, xa que están a traballar sen descanso para tratar de que poidan cobrar as prestacións no mes de abril o maior número posible de traballadores lucenses afectados por expedentes de regulación temporal de emprego motivados polas medidas extraordinarias de loita contra a propagacion do coronavirus”.
 
A subdelegada destacou que o persoal do SEPE, ao igual que os membros das forzas e corpos de seguridade e das forzas armadas, e os  profesionais sanitarios están a poñer o mellor de eles mesmos nestas duras semanas para axudar aos lucenses a superar a difícil situación xenerada pola pandemia.
 
“En situacións de crise como a que estamos a vivir é cando máis se comproba a importancia de contar con bos servizos públicos e tamén cando temos ocasión de apreciar a valía dos profesionais que os forman”, declarou a subdelegada do Goberno.
 
Rodríguez destacou que desde o día 16 de marzo as oficinas que ten o SEPE na provincia, aínda que están pechadas ao público, manteñen a súa actividade centrada no labor de recoñecemento das prestacións por desemprego. Desta función, considerada esencial, ocúpanse con gran dedicación os funcionarios que traballan tanto nas oficinas como desde os seus domicilios coa finalidade de facer posible que o maior número posible de lucenses afectados por ERTEs poidan cobrar as súas prestacións no mes de abril.       
 
O SEPE conta con 11 oficinas na provincia de Lugo, dúas delas están situadas na capital da provincia e as outras 9 nos concellos de Becerreá, Burela, Chantada, Mondoñedo, Monforte, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro, así como a Oficina de RATEL que se encarga da xestión de prestacións a través dun sistema de atención telefónica.