Emilio González destaca a concienciación cidadá e a labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado durante a nova xornada de reparto de máscaras hixiénicas

Emilio González destaca a concienciación cidadá e a labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado durante a nova xornada de reparto de máscaras hixiénicas

05/05/2020

O subdelegado do Goberno destaca a conciencia cívica e a responsabilidade social da cidadanía ourensá sobre a importancia de empregar este elemento hixiénico.

Durante a xornada de hoxe axentes da Policía Nacional, da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma e da Garda Civil participaron na distribución deste material.

Emilio González indicou que a partir de mañá se inicia unha segunda fase de entregas de máscaras hixiénicas a entidades sociais e asistencias da provincia.


O subdelegado do Goberno informou que por segundo día consecutivo se procedeu á distribución en distintos puntos da provincia de Ourense das 98.000 máscaras sanitarias enviadas polo Goberno, co obxectivo de reforzar e dar cumprimento á medida que entrou en vigor onte coincidindo co inicio da Fase 0 e que establece a obrigatoriedade do uso de máscaras no transporte público.

A distribución deste material sanitario desenvolveuse nos principais nodos de transporte público, así como nos principais polígonos industriais e empresariais e en áreas de servizo. O operativo na cidade de Ourense levouse a cabo na estación de autobuses, así como nas principais paradas de bus urbano. Tamén se realizou reparto de máscaras nas estacións e paradas de autobuses de municipios como O Carballiño, Allariz, Verín, Xinzo de Limia, O Barco e Celanova e en polígonos como o de San Cibrao das Viñas, o Polígono de Barreiros, o Polígono de Chorente, o Polígono de Pereiro de Aguiar e o Polígono de O Carballiño.

Como no reparto realizado durante o retorno á actividade laboral trala Semana Santa –cando chegaron á provincia de Ourense 68.000 máscaras entregadas polo Goberno de España- a distribución contou coa participación da Policía Nacional, da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma e da Garda Civil. Ademais do reparto, os axentes realizaron unha labor informativa, lembrando a obrigatoriedade do uso das máscaras no transporte público e ofrecendo unhas pautas sobre o seu uso seguro.

O subdelegado do Goberno informou que as distribucións do luns e do martes se levaron a cabo con normalidade, sen aglomeracións nin problemas de orde público, e  quixo agradecer a labor realizada polos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como polo persoal propio da Subdelegación que posibilitaron a loxística de reparto.

Igualmente, Emilio González quixo destacar de novo a responsabilidade que está a amosar a inmensa maioría da sociedade ourensá e volveu apelar á concienciación cidadá e á responsabilidade social neste inicio da desescalada.

Segunda fase de entregas a entidades sociais e asistenciais

Emilio González anunciou, así mesmo, que a Subdelegación do Goberno en Ourense iniciará a partir de mañá unha segunda fase de entregas de máscaras hixiénicas a entidades sociais e asistenciais da provincia.

Con este novo reparto o Goberno quere facilitar o desenvolvemento seguro das súas tarefas, de tipo esencial, contribuíndo así a diminuír a posibilidade de contaxio do COVID-19 entre os seus traballadores, voluntarios e usuarios.