Isabel Rodríguez e Francisco Cajoto visitan as obras do Mitma para aumentar o gálibo na ponte de Mañente (Foz)

Imaxe obra ponte Mañente

04/08/2020

 O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana comezou a pasada noite os traballos para aumentar o gálibo de tres pasos superiores que salvan a N-642 no concello de Foz
 Esta actuación ten por obxecto garantir que o paso de camións de gran porte pola N-642 non ocasiona máis desperfectos pola baixa altura das pontes
 O Mitma inviste case 616.000 euros nun proxecto que tamén incluíu o arranxo dos danos ocasionados en catro pasos elevados existentes nesta estrada


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Foz, Francisco Cajoto, comprobaron hoxe a marcha das obras que executa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para aumentar o gálibo de tres pasos superiores que cruzan a estrada N-642 ao seu paso polo concello de Foz.

 

A subdelegada e o alcalde inspeccionaron os traballos realizados durante a pasada noite na ponte situada no km 29,700 da N-642, en Mañente, a primeira das tres nas que se levará a cabo esta intervención destinada a aumentar a un mínimo de 5 metros o gálibo destes pasos superiores.

 

Conseguirase, deste xeito, facilitar o tráfico de camións de gran porte pola estrada N-642 evitando que se ocasionen máis desperfectos motivados pola baixa altura que teñen os pasos superiores, xa que en distintas ocasións, a última no mes de marzo, se teñen rexistrado impactos de vehículos nas vigas debido á baixa altura existente entre a rasante da estrada N-642 e a parte inferior dos taboleiros.

 

Trátase dun labor de grande complexidade técnica que se realiza mediante o gateo do taboleiro das estruturas, o que obriga, por motivos de seguridade, a efectuar desvíos do tráfico, polo que, para causar o menor trastorno posible aos condutores, os traballos estanse a realizar en horario nocturno.

 

A obra na estrutura situada no km 29,700 comezou a pasada noite e rematará mañá. Na ponte situada no km 32,300 traballarase durante as noites do 12 e 13 de agosto. E os traballos no paso superior existente no km 33,00 realizaranse nas noites do 18 e 19 de agosto.

 

Co aumento do gálibo nestes pasos superiores complétase unha actuación realizada polo Mitma en catro pontes existentes na N-642 ao seu paso por Foz, situados nos puntos kilométricos 29+700, 32+300,33+000 e 33+900. O investimento total que realiza o Ministerio de Transportes neste proxecto é de 615.862 euros.

 

RESTRICCIÓNS DO TRÁFICO

 

Para o aumento de gálibo da estrutura situada no km 29,700 da N-642 é preciso realizar unha restrición ao tráfico con corte total de calzada en horario nocturno nas madrugadas do 4 e 5 de agosto, entre os seguintes puntos quilométricos:

 

- 29,500 (intersección coa LU- P-2004), ao 30,300 (intersección con vía de titularidade municipal), para vehículos lixeiros en ambos os sentidos de circulación.

 

 - 29,500 (intersección coa LU- P-2004), ao 30,450 (intersección coa LU-152), para vehículos pesados en dirección San Cibrao.

 

- 28,825 (intersección con vía de titularidade municipal), ao 30,450 (intersección coa LU-152), para vehículos pesados en dirección Barreiros.

 

En canto ás actuacións necesarias para o aumento de gálibo das estruturas dos km 32,300 e 33,000, será preciso realizar unha restrición ao tráfico con corte total de calzada en horario nocturno nas madrugadas do 12 e 13 de agosto e do 18 e 19 de agosto respectivamente, coa seguinte implantación de desvíos alternativos:

 

 - Entre os km 31,000 (glorieta da N-642 coa Avenida de Asturias en Foz), ao 34,140 (glorieta da N-642 coa Avenida de Viveiro en Foz), para vehículos lixeiros en ambos os sentidos de circulación.

 

- Entre os km 30,450 (intersección coa LU-152), ao 41,040 (intersección coa LU-162), para vehículos pesados en ambos os sentidos de circulación.

 

En todas as situacións permitirase o paso unicamente dos residentes nos treitos da estrada N-642 afectados polas obras.

 

Todos os itinerarios alternativos estarán debidamente identificados e sinalizados e contarán co apoio de señalistas nos puntos de inicio e final de desvío.