A Delegación do Goberno anima aos concellos galegos a solicitar as achegas para o transporte público local

A Delegación do Goberno anima aos concellos galegos a solicitar as achegas para o transporte público local

19/08/2020


O obxectivo é paliar o descenso de ingresos pola baixada nas vendas de billetes de transporte público

Esta medida enmárcase no escudo social do Goberno para facer fronte á pandemia da COVID-19


A Delegación do Goberno anima aos concellos galegos a solicitar as achegas para o transporte público local. Son, en total, 275 millóns de euros do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, explicou que o prazo de presentación de solicitudes está aberto e continuará así ata o próximo 5 de outubro. Poden pedir achegas os concellos e diputacións que prestan servizo de transporte público.

A Delegación do Goberno destaca o importante labor do ministro de Transportes, José Luis Ábalos, para aprobar esta medida e o seu compromiso con Galicia. Este está patente en outras medidas coma o desbloqueo de infraestruturas clave que permanecían paralizadas ou con escaso ritmo de execución. Agora, en cambio, a Comunidade galega suma 375 millóns de euros en obras reactivadas en estradas e 1383 en obras ferroviarias.

No caso destas achegas para o transporte público local, o obxectivo do Goberno é paliar o descenso de ingresos pola baixada nas vendas de billetes. Quere compensar o déficit extraordinario provocado dende marzo pola pandemia da COVID-19.

Esta medida enmárcase na aposta do Goberno por establecer un escudo social fronte á COVID-19. É a primeira vez que se aborda unha crise con inxección de fondos en lugar de recortes. Vén a complementar outras medidas previas para combatir a falta de liquidez, como os ERTE, as axudas para persoas autónomas ou o Ingreso Mínimo Vital.

As aportacións económicas directas do Goberno teñen un impacto en Galicia de ao redor de 400.000 persoas. Tamén hai partidas directas de inxección de liquidez pública, coma o reparto destes fondos de servizos sociais, os entregados de maneira directa a sanidade ou os dados á autonomía, pendentes de novos repartos das sucesivas partidas, para afrontar os gastos derivados da pandemia.