Maica Larriba coordina coa Garda Civil e a Policía Nacional os operativos de vixilancia da fin de semana sobre o control das medidas da Covid-19

Maica Larriba coordina coa Garda Civil e a Policía Nacional os operativos de vixilancia da fin de semana sobre o control das medidas da Covid-19

21/08/2020

  • Os corpos e forzas de seguridade do Estado interpuxeron case un millar de denuncias en toda a provincia pola ausencia de uso da máscara desde a entrada en vigor da nova normativa.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, mantivo hoxe un novo encontro por videoconferencia cos mandos da Garda Civil e da Policía Nacional na provincia para supervisar as actuacións destes corpos en materia de loita contra a Covid-19 e a aplicación das novas medidas ditaminadas pola Xunta de Galicia. No encontro telemático estaban presentes o coronel xefe da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal, o comisario xefe de Vigo, Carlos Valcárcel, e o comisario accidental do Corpo Nacional da Policía de Pontevedra, Camilo Loureiro.

Durante a xuntanza, Larriba destacou “a total colaboración da Subdelegación e dos corpos e forzas de seguridade do Estado coa Xunta de Galicia para facer cumprir a normativa aprobada pola comunidade autónoma desde o pasado 12 de xuño e, sobre todo, as últimas medidas adoptadas a semana pasada”. Así mesmo, a subdelegada quixo agradecer aos mandos policiais “o seu esforzo e traballo para garantir a seguridade e saúde da veciñanza de toda a provincia, coa vixilancia do cumprimento do uso da máscara, do distanciamento social e da prohibición de fumar na rúa cando non se pode manter os dous metros de distancia”.

Desde a entrada en vigor da nova normalidade, os axentes dos corpos e forzas de seguridade do Estado interpuxeron preto de 1.000 denuncias pola ausencia de máscara, que trasladaron ao órgano competente en materia de sanidade pública na comunidade autónoma. Non obstante, a subdelegada puxo en valor que as autoridades policiais lle informaron “da responsabilidade da cidadanía no cumprimento das normas, así como da total colaboración do sector da hostalaría, que respecta os novos horarios e a prohibición de non fumar nas terrazas decretados polas autoridades sanitarias”.

Na reunión, Larriba planificou xunto aos mandos policiais os operativos que serán necesarios para “seguir mantendo a vixilancia e o control das principais zonas de ocio na provincia, en especial durante as fines de semana”. Estes operativos centraranse principalmente nas grandes cidades, e tamén naquelas vilas da provincia que con motivo do verán ven incrementada a súa poboación coa presenza de turistas e xentes foráneas. “Sobre todo vixiaranse as posibles concentracións que poidan albergar botellóns”, advertiu a subdelegada.

Por último, a subdelegada quixo facer un chamamento “á responsabilidade individual da cidadanía, vital para frear a escalada de contaxios que se vén rexistrando na provincia nos últimos días”.