Maica Larriba destaca o comportamento exemplar da hostalaría na provincia

Maica Larriba destaca o comportamento exemplar da hostalaría na provincia

17/09/2020

A subdelegada do Goberno reuniuse esta mañá con representantes da Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra, Hoempo, para abordar a situación do sector na provincia.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo esta mañá un encontro co presidente da Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra, Victor Pampín, o seu secretario, Ángel Sorey, e o seu vogal, Dani Lorenzo, ao cal tamén acudiu á directora provincial do SEPE en Pontevedra, Marta Estrada.

Durante a reunión, a subdelegada do Goberno analizou cos hostaleiros as medidas adoptadas por unanimidade polo Ministerio de Sanidade e as CCAA para controlar a transmisión da COVID-19. Estas medidas, aprobadas no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde celebrado de forma extraordinaria o pasado 14 de agosto, céntranse no control da transmisión nos ámbitos no que nesas datas eran a orixe dos brotes epidémicos de maior impacto e risco.

Neste sentido, a subdelegada do Goberno explicou aos empresarios que, segundo se expuxo no Consello Interterritoral por parte das comunidades autónomas, “o lecer nocturno foi a orixe dos brotes epidémicos con maior número de casos asociados, unha media de 31, e ademais foron estes brotes a orixe dunha gran parte da transmisión comunitaria actual”. “Polo tanto a medida de peche do ocio nocturno e os novos horarios da hostalería foi adoptada de xeito común entre as comunidades autónomas e o Goberno”, subliñou Larriba.

Este acordo foi convertido nunha orde da Consellería de Sanidade ao día seguinte coa su publicación no DOG. 

A subdelegada quixo agradecer aos hostaleiros da provincia “o seu comportamento exemplar. O acatamento destas medidas supón un gran esforzo para o sector, e desde o Goberno queremos recoñecer a súa achega, fundamental, na loita contra a virus que estase a levar a cabo desde todos os ámbitos da sociedade”.

Por outra banda, Larriba quixo informar aos hostaleiros e empresarios das diferentes axudas que o Goberno aprobou nos últimos meses para paliar os efectos da Covid19 naqueles sectores que atravesan maiores dificultades. Entre as medidas excepcionais adoptadas, subliñou “as liñas de axudas directas baseadas en avais ICO e aquelas dirixidas a cubrir novas inversións. Nun primeiro momento, o Goberno de España destinou 67.500 millóns de euros nas liñas de axuda para pemes e autónomos, que se viron ampliadas co Real Decreto-lei 25/2020, do 3 de xullo, en 5.000 millóns máis para novas inversións”.

Con cargo á liña de avais para garantir as necesidades de liquidez de autónomos e empresas aprobáranse, a 26 de xullo e segundo datos do ICO, un total de 741.542 operacións, avaladas con 70.206 millóns de euros, que permitiron canalizar financiamento ao tecido produtivo por importe de 92.314 millóns de euros. Máis do 97% das operacións avaladas (719.830) concentráronse en pemes e autónomos.

En relación as axudas en materia de protección laboral, a subdelegada do Goberno lembrou que “a aplicación dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) permitiu protexer ata o momento a case 3,4 millóns de traballadores e a 550.000 empresas”. Na actualidade, a prorrogación deste mecanismo ata o mes de decembro, tal e como reclaman os empresarios, está pendente dunha mesa de negociación estatal, destacou a subdelegada para coñecemento dos hostaleiros.

Por último, Maica Larriba ofreceulle toda a colaboración aos empresarios e empresarias naqueles aspectos que desde o Goberno do Estado poidan poñer a súa disposición. Ademais decidiuse abrir unha canle de información constante coa asociación de todas aquelas novidades lexislativas que se produzan.