A Policía Nacional, a Policía Adscrita e a Garda Civil realizaron 2.561 controis na provincia durante os últimos dez días

29/04/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) na que se fixo balance das accións de control e prevención levadas a cabo polas Forzas e Corpos de Seguridade na provincia. Larriba analizou xunto aos responsables policiais as cifras de controis na fronteira.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz; o comisario provincial accidental de Pontevedra, Camilo Loureiro; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante os últimos catorce días para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. En total, do 19 ao 28 de abril, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita levaron a cabo 2.561 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 2.792 axentes, se identificaron a 8.261 persoas, se controlaron 5.403 vehículos e se elevaron 255 propostas de sanción. Ademais, as autoridades policiais levaron a cabo 2.254 inspeccións en establecementos hostaleiros da provincia, onde interpuxeron 11 sancións.

No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos dez días 2.259 controis nos que participaron 1.782 efectivos. Nestes operativos 6.921 persoas foron identificadas, 4.948 vehículos foron controlados e 29 persoas foron sancionadas. En particular, no ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou 1.690 controis e interpuxo 9 sancións.

Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 210 controis na provincia que contaron coa participación de 798 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 1.163 persoas e 427 vehículos e se elevaron 213 propostas de sanción. Na hostalaría, a Policía Nacional realizou 370 controis e interpuxo 1 sanción.

Por último, a Unidade de Policía Adscrita de Galicia organizou 92 dispositivos nos que identificou a 177 persoas, controlou 28 vehículos e interpuxo 13 propostas de sanción. Nestes dispositivos participaron 212 axentes autonómicos. No ámbito da hostalaría, este corpo levou a cabo 194 inspeccións en establecementos e interpuxo 1 sanción.  

A subdelegada do Goberno salientou que, unha semana máis, “as cifras amosan o alto grao de responsabilidade e cumprimento das normas por parte da cidadanía da nosa provincia. O grao de concienciación e coñecemento e cada vez maior o que se evidencia nunha taxa de sancións moi baixa”. Así mesmo, Larriba quixo destacar o alto cumprimento da normativa no ámbito da hostalaría, onde apenas se rexistraron infraccións.

Non obstante, a subdelegada alertou de que a provincia conta esta semana cun concello en nivel de restricións máximas –Vilanova de Arousa–, e que xa son cinco as vilas de Pontevedra cun nivel de restricións altas. “En sete días a provincia pasou de ter só un concello neste nivel de restricións, Marín, a ter cinco –Marín, Meaño, O Grove, Ponteareas e Salceda–, o que evidencia a importancia de non baixar a garda e continuar a extremar as medidas de prevención”, explicou. 

Controis nos pasos fronteirizos con Portugal

Segundo os datos proporcionados polos responsables da Policía Nacional, 193.302 persoas e 148.830 vehículos foron identificadas durante o mes de abril nos tres pasos fronteirizos que permanecen abertos na nosa provincia. Ademais, do 1 ao 28 de abril, o corpo policial denegou 838 solicitudes de entrada ao noso país. Desde o pasado 29 de xaneiro, o Corpo Nacional de Policía vixía o cumprimento do peche da fronteira terrestre con Portugal.

No paso fronteirizo de Tui, situado na A-55 e o único que permanece aberto as 24 horas do día na nosa provincia, rexistrouse novamente a maior afluencia de tránsito. Larriba informou que nos dispositivos de vixilancia levados a cabo neste paso fronteirizo durante o último mes, controláronse 178.922 persoas e 137.548 vehículos. Ademais, producíronse 670 denegacións de entrada. Esta localidade aglutina o 92,6 % do tránsito transfronteirizo de persoas e vehículos que se rexistra na nosa provincia. En total, segundo indicou a subdelegada, por esta localidade cruzan unha media de 6.390 persoas e 4.912 vehículos cada día.

Pola súa banda, no paso fronteirizo de Salvaterra do Miño controlouse, durante o mes de abril, o tránsito de 12.136 persoas e 9.588 vehículos. Por este punto, no que se rexistraron 101 denegacións de entrada do 1 ao 28 de abril, acceden a Portugal cada día unha media de 639 persoas e 505 vehículos. Este paso rexistrou no último mes un incremento do tráfico de vehículos de case o 14 %.

No paso de Arbo, 2.244 persoas e 1.694 vehículos foron controladas durante o mes de abril. Durante este mesmo período, neste paso -que rexistra unha afluencia diaria de 118 persoas e 89 vehículos-, as autoridades denegaron a entrada ao país a 67 persoas.

Na actualidade, estes dous pasos están abertos das 7 h as 10 h da mañá e das 18.00 a 21.00 h, favorecendo así o tránsito de mercadorías e persoas entre os dous países.

A prórroga do peche fronteirizo remata ás 00.59 horas do 1 de maio, aínda que como lembrou a subdelegada “a reapertura está supeditada ao acordo que chegue o Parlamento de Portugal mañá venres”.