José Miñones trasládalle ao presidente da FEGAMP o compromiso do Goberno co impulso tecnolóxico e a modernización dos servizos para fixar poboación no rural

04/05/2021

O delegado do Goberno asegura que a cohesión social e territorial é unha das prioridades do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que se materializará nos próximos meses

Considera prioritaria a participación activa das entidades locais para que os Fondos Europeos acaden as transformacións que Galicia precisa

Subliña a importancia de establecer canles de comunicación fluídas cos concellos de Galicia para facer chegar as iniciativas do Executivo e coñecer as súas demandas

Informou a Alberto Varela da nova Área de Coordinación Municipal, creada na Delegación do Goberno para apoiar aos concellos ante a próxima materialización do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, trasladoulle ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co impulso tecnolóxico e a modernización dos servizos públicos para dinamizar a vida dos concellos e fixar poboación no rural. Repasou algunhas das iniciativas que xa se están desenvolvendo como o Plan Peba de Extensión de Banda Ancha no rural, ou as axudas a proxectos de eficiencia lumínica e sostenibilidade enerxética financiadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Respecto ao futuro inmediato, insitiu en que unha das prioridades do Executivo é traballar pola cohesión social e territorial, de tal forma que toda a poboación dispoña das mesmas oportunidades e servizos independentemente de onde resida. A iso estará adicada unha parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, que o Goberno comezará a materializar este mesmo ano. Unha execución que precisa, indicou o delegado, da participación activa das entidades locais para acadar as transformacións da sociedade e da economía de Galicia que pretende.

Nesta liña, José Miñones reiteroulle ao presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía o seu obxectivo de prestar especial atención aos concellos máis pequenos e con menos recursos para facerlles chegar o amplo abano de proxectos, plans e axudas que o Goberno ten á súa disposición e daquelas que porá en marcha unha vez se aprobe en Bruxelas o Plan español de Recuperación. Atendendo a este obxectivo, a Delegación do Goberno puxo en marcha o mes pasado unha Área de Coordinación Municipal, que está a disposición dos concellos para atender as súas demandas ademáis de proporcionarlles información sobre proxectos e trámites.

Xunto a ela, o delegado informou ao presidente da FEGAMP das recentes visitas que efectuou a Negueira de Muñiz (Lugo), o concello menos poboado de Galicia, e e a Carballeda de Avia e que terán continuidade con novos desprazamentos, como unha forma de coñecer a realidade destes territorios e establecer contactos directos e estreitos cos gobernos municipais.

 “En Galicia hai 313 concellos e 200 deles teñen menos de 5.000 habitantes; o obxectivo e chegar a eles e levarlles as políticas dun Goberno que os ten en conta, co fin de que vivir nestes municipios sexa un privilexio e non una condena”, asegurou.