Isabel Rodríguez advirte da importancia da formación para que os menores eviten riscos polo uso inadecuado das novas tecnoloxías

10/05/2021

 A subdelegada do Goberno participou nun acto telemático cos escolares do colexio da Milagrosa que asistiron a charlas da Policía Nacional, con motivo da entrega de carnets de Ciberexpert@
 A Policía Nacional dá formación a escolares de Lugo sobre os riscos da Internet e as redes sociais e temas como acoso, violencia de xénero, adiccións e os delitos de odio
 No que vai de curso celebráronse charlas en 11 centros educativos coa asistencia de 1.263 alumnos e alumnas


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, advertiu hoxe da importancia de que os escolares reciban formación sobre o uso seguro da Internet e das redes sociais para que aprendan a evitar riscos que poden condicionar a súa vida e o seu futuro. Isabel Rodríguez, acompañou ao responsable delegado de Participación Cidadá e responsable do Plan Director da Policía Nacional en Lugo, Rubén Darío Veiga, nun acto telemático con motivo da entrega de carnets aos escolares de 6º de primaria do colexio da Milagrosa que asistiron ao curso de Ciberexpert@.

 

No acto, a subdelegada felicitou aos alumnos e alumnas que tomaron parte nesta actividade e lembroulles que é preciso ser moi coidadosos no uso das redes sociais e da internet.

 

Isabel Rodríguez explicoulles que “son unha ferramenta estupenda, que poñen o mundo ao noso alcance, que serven para aprender, divertirnos e aumentar as relación con outras persoas, pero tamén supoñen un risco porque podemos ser vítimas de enganos e poden facernos dano se non somos precavidos e non aseguramos a nosa privacidade”.

 

A subdelegada lembroulles aos escolares que, se teñen algún problema “a mellor maneira de defenderse é contalo a quen vos pode axudar, os vosos país, os profesores, os amigos e tamén a policía, así que se alguén vos trata mal ou vos fai dano non debedes calar”.

 

As charlas de Ciberexpert@s que imparte en Lugo a Policía Nacional forman parte da que se desenvolve durante o curso escolar dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos que este ano desenvolveu a maioría da súa actividade de xeito telemático debido ás restricións impostas pola pandemia.

 

No que vai de curso escolar, a Policía Nacional impartiu en Lugo 37 charlas sobre temas como acoso, violencia de xénero, adiccións, delitos de odio e de prevención dos riscos da internet. En total asistiron a estas actividades 1.263 escolares e 54 profesores de 11 centros escolares da cidade.

 

Para os próximos días hai outras charlas programadas para distintos grupos de escolares nos CEIP Sagrado Corazón, Manuel Mallo Mallo e Luis Pimentel e no CIFP As Mercedes.